O CONCELLO TRABALLA COA ASOCIACIÓN ‘PATIO VERDE’ PARA BUSCAR SOLUCIÓNS URBANÍSTICAS NO CEIP UNIÓN MUGARDESA
O alcalde de Mugardos mantivo unha reunión de traballo con representantes da Asociación Patio Verde para abordar posibles solucións urbanísticas que permitan dotar ao CEIP Unión Mugardesa de novos espazos verdes.
Durante o encontro, analizáronse os inconvenientes urbanísticos que actualmente limitan a ampliación de zonas verdes e exploráronse vías legais e técnicas para superalos, garantindo que calquera actuación cumpra coa normativa vixente e as necesidades da contorna escolar.
O alcalde destacou a importancia de colaborar con asociacións locais para buscar solucións responsables e sostibles que melloren a contorna do colexio, sempre co obxectivo de ofrecer espazos máis saudables e agradables para os alumnos e alumnas.
O Concello continuará traballando de maneira activa para concretar actuacións que permitan ampliar e mellorar os espazos verdes do CEIP Unión Mugardesa, reforzando o seu compromiso coa educación e o benestar da comunidade educativa.