MUGARDOS SOLICITA 41.000 EUROS Á XUNTA PARA O ARRANXO DOS PARQUES INFANTÍS
Os parques a renovar serán os do Campo do Río, A Pedreira, Roibeiras e San Xoán de Piñeiro
O concelleiro de Obras, Jorge Kuntz, informou hoxe da solicitude dunha subvención á Xunta de Galicia para o arranxo dos parques do Campo do Río, A Pedreira, Roibeiras e San Xoán de Piñeiro co obxectivo do acondicionamento destes espazos, para a mellora da calidade e funcionalidade das zonas infantís de xogo.
O arranxo proxectado das distintas áreas infantís, ten previsto que o mobiliario e os elementos de xogo máis afectados polo uso e as condicións climatolóxicas sexan sometidos a substitución, e os restantes pasen por un proceso de restauración manual, xa sexa en sitio ou en taller, segundo as condicións do lugar onde estea instalado e as actuacións a realizar.
Kuntz confirmou que, a maiores destas actuacións pendentes da subvención da Xunta de Galicia, están previstos arranxos no parque dos Carneiros con fondos exclusivamente municipais, así como as licitacións de O Baño y Beiramar, pendentes ambos os dous expedientes de informes técnicos externos, logo de quedar desertas as licitacións. “Por mor da suba dos prezos, as empresas non se presentaron ás primeiras licitacións do Baño e Beiramar, o que nos obrigou a solicitar a revisión dos proxectos e axustalos ás novas circunstancias”.