MUGARDOS DISPÓN XA DA NOVA BANDEIRA OFICIAL
O Consello da Xunta de Galicia aprobou o novo emblema, conforme ás normas da heráldica
O alcalde Juan Domingo de Deus informou hoxe da aprobación definitiva por parte da Xunta de Galicia da nova bandeira representativa do Concello de Mugardos.
A definición das características do novo emblema heráldico son as de un pano amarelo e, no centro, terzada de azul coa estrela de amarelo acompañada no alto e baixo de senllas coroas abertas, tamén de amarelo.
O goberno municipal está xa a organizar para o próximo mes de xaneiro un acto público de presentación e izado da bandeira na fachada principal da Casa Consistorial, no que se fará un percorrido histórico pola simboloxía municipal “xa que esta é a primeira vez na historia que Mugardos dispón de bandeira oficial”.
“O goberno municipal considerou conveniente organizar correctamente o seu emblema para perpetualo coa simboloxía adecuada e conforme ás normas da heráldica. Para iso, e de acordo á legalidade vixente, elevóuse o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica da bandeira, para a súa aprobación definitiva, que vén de acordar a Xunta de Galicia” rematou o rexedor.