Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O GOBERNO MUNICIPAL PON EN MARCHA NO NADAL O PROGRAMA MUGARDOS CONCILIA

Esta actividade únese ao completo programa organizado para os pequenos durante as vacacións de nadal

As Concellerías de Benestar Social e Cultura presentaron hoxe o programa “Mugardos Concilia no Nadal” que porá en marcha o Concello do día 23 de decembro ao 4 de xaneiro no CEIP Unión Mugardesa. Trátase dunha actividade totalmente gratuita destinada aos nenos e nenas entre 4 e 12 anos.

As actividades deste programa de conciliación desenvolveranse os días 23, 26, 27, 28, 29 de decembro e os días 2, 3 e 4 de xaneiro en horario de mañá, con dúas quendas posibles en horario completo de 8.30 a 14.00 horas, ou en horario reducido de 10.30 a 14.00 horas.

As inscricións poderán facerse no departamento de Cultura desde mañá xoves 15 de decembro. Para máis información sobre estas actividades ou para inscribirse nelas, os interesados deben poñerse en contacto co departamento de Cultura presencialmente no primeiro andar da Casa do Concello ou por teléfono chamando ao 981 470 338 (extensión 1). O horario de atención presencial e telefónica é de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas.

A concelleira de Benestar, Ana Varela, quixo destacar que “esta proposta lúdico educativa ten como obxectivo axudar ás familias mugardesas nestas datas, enchendo as mañás dos pequenos e pequenas de actividades que desenvolvan a súa creatividade, sociabilidade, compromiso e por suposto moita diversión”.

A concelleira de Cultura Begoña Roldós lembrou que “o Mugardos Concilia vén ampliar a oferta de actividades municipais para os nenos e nenas mugardeses, xa que poderán desfrutar tamén durante as súas vacacións dos obradoiros de Nadal, a recepción de Papá Noel, o Mago Cayetano Lledó ou o Festival de Reis”.

Back to top