VOLVE O PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO DA MANCOMUNIDADE DE CONCELLOS
As mulleres de Mugardos interesadas en incribirse poderán facelo ata o 15 de decembro no Centro de Formación ou no Concello
Mugardos, 29 de noviembre de 2022. O Concelleiro de Emprego e Formación, Miguel Mahía, informa de que a Xunta de Galicia concedeu á Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol unha nova edición do Programa Integrado de Emprego de Galicia. A administración autonómica e o Servicio Público de Emprego Estatal financian esta convocatoria con 225.000€ sobre 250.000€ do custo total. Vai dirixida a mulleres en situación de desemprego empadroadas nos Concellos de Mugardos, Cedeira, Valdoviño, Narón, Fene, Neda, Cabanas e Ares e que cumplan algún dos seguintes requisitos:
- Certificado de discapacidade.
- Risco de exclusión social e beneficiarias do tramo de inserción da renda de inclusión social de Galicia.
- Vítimas de violencia de xénero.
- Menores de 30 anos con baixa cualificación.
- Estar desempregadas (e inscritas como demandantes de emprego).
O Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol 2022/2023 ten unha duración de 12 meses e o seu obxectivo principal é achegar ferramentas ás participantes de xeito que melloren a súa empregabilidade e logren a inserción laboral. Os medios que se utilizan para a consecución do obxectivo son moi diversos e adaptados ao perfil de cada persoa.
As persoas de Mugardos interesadas neste programa, poden inscribirse no Centro de Formación Francisco Vizoso de luns a mércores (atenderá a Orientadora Laboral) ou no Concello de Mugardos ata o día 15 de decembro.
Con este fin, conxugaranse accións individuais co persoal técnico do programa, con accións formativas tanto cualificantes como de tipo transversal. O persoal técnico tamén abordará a prospección laboral de xeito que en todo momento manterá contactos coas empresas da contorna de cara a coñecer as necesidades do mercado, as posibles ofertas de emprego e poñelas en contacto coas usuarias do programa. O obxectivo mínimo de inserción laboral do Programa Integrado de emprego deste ano é do 35%.
É importante subliñar que todas estas acción se apoiarán con medidas que permitan a participación das usuarias, de xeito que aquelas que teñen menores ou persoas con discapacidade o seu cargo (e non dispoñan de recursos de apoio) poderán beneficiarse dun servizo de conciliación. Así mesmo, terán dereito a percibir unha bolsa de 7€ por día de asistencia ás accións do programa.
Esta metodoloxía permite que as participantes amplíen non só a súa cualificación senón que, ao mellorar o coñecemento de sí mesmas e do propio mercado laboral, poidan adquirir formación que lles sirva para que a súa busca de emprego sea máis eficiente e efectiva.
Pódese ampliar información na seguinte web: www.comarcaferrolterra.es