OS CONCELLOS DE ARES E MUGARDOS PRESENTAN A XVII CARREIRA POPULAR DE FIN DE ANO
O consistorio mugardés acolleu esta mesma mañá o acto oficial de presentación
O alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus; a primeira tenente de alcalde Ana Varela, a concelleira de Deportes de Ares, Noelia Montero e a directora do Complexo Acuático do Castro, Marián Torrente, presentaron unha nova edición da Carreira Popular de Fin de Ano compartida por ambos concellos, unha proba con fonda tradición na comarca e que se celebrará o próximo domingo 18 de decembro, para despedir o 2022.
Coma vén sendo habitual na súa organización, o evento desexa incentivar a participación dos corredores e corredoras por enriba da competición, facendo fincapé nese carácter popular que o identifica. Os representantes municipais aproveitaron a presentación para invitar a todas as persoas maiores de 16 anos a inscribirse dende xa na pasarela habilitada en www.carreirasgalegas.com cunhas 500 prazas. Poderanse reservar ata o 13 de decembro ás 23:59 horas previo pago de 4 euros por participante.
Este ano o percorrido volverá a ser de 10 quilómetros, saíndo ás 11:00 horas dende o pavillón polideportivo municipal de Mugardos para logo dirixirse a Ares e regresar á mesma meta na contorna mugardesa. Antes da completa finalización da proba, a organización sorteará 10 cestas con produtos de Nadal, en colaboración co supermercado GADIS, mais non terá en conta as marcas persoais ou tempos no mesmo sorteo, senón a finalización do percorrido.
Previamente á celebración do evento, será necesario retirar os dorsais, que supoñen a confirmación da asistencia do corredor/a, durante as xornadas do xoves, 15, e o venres, 16 de decembro, de 8:00 a 13:30 e de 16:00 a 22:00 horas, xunto co sábado, 17 de decembro, de 9:00 a 13:00 h., no Complexo Acuático do Castro. Asimesmo, o propio día da proba no pavillón polideportivo de Mugardos haberá a posibilidade de retirada de dorsais na franxa de 9:00 a 10:30 horas.