XORNADA DE SOFTWARE E CULTURA LIBRE EN MUGARDOS DA MAN DO ZULO
A xornada formativa desenvolverase o próximo sábado 29 de outubro no Casino Mugardés
26 DE OUTUBRO DE 2022. A Concellería de Cultura e a Asociación Comunidade O Zulo presentaron hoxe a Xornada de Software e Cultura libre 2022 que terá lugar este sábado 29 de outubro no Casino Mugardés. A actividades é totalmente gratuíta e está recomendada para maiores de 12 anos.
A quenda da mañá deste obradoiro, de 11.00 a 14.00 horas, estará reservada a achegar os coñecementos básicos de Linux a tódalas persoas que desexen instalar ou profundizar nos seus coñecementos sobre este sistema operativo.
A quenda de tarde, das 16.30 horas en adiante, estará reservada á impartición de relatorios e microrelatorios, que poden ir desde a definición de software libre de FSF ou a definición de OSI de Open Source, ata a presentación de proxectos e colectivos vencellados á cultura libre e en galego de temática diversa.
Desde a asociación subliñaron que poñen equipos a disposición dos asistentes para instalar e configurar pero sobre todo para aprender e compartir coñecementos, pero por suposto os participantes poden levar á xornada formativa o seu propio portátil.
Begoña Roldós, concelleira responsable do departamento de Cultura municipal, quixo sinalar que esta xornada forma parte das actividades que a Asociación Comunidade O Zulo realiza no marco do convenio asinado co Concello de Mugardos para o ano 2022 “Estamos moi satisfeito coa programación desta actividade coa Comunidade O Zulo e esperamos poder seguir profundizando nesta colaboración, xa que a formación no ámbito tecnolóxico e informático é básica na sociedade do século XXI, e a administración pública non debe ser allea a esta realidade ”.