Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE MUGARDOS PRESENTA A SÚA PROGRAMACIÓN PARA O SAMAÍN 2022

Do 28 de outubro ao 19 de novembro, prográmanse actividades para toda a familia

Mugardos, 26 de outubro de 2022. Begoña Roldós, concelleira de Cultura, presentou hoxe a programación municipal do Samaín 2022, que contará con diversas actividades como pintacaras, casa do terror, música e magostos en distintas ubicacións.

O programa do Samaín deste ano arrinca este mesmo venres 28 de outubro cun pintacaras terrorífico a partir das 17.00 horas na oficina da OMIX da Casa do Concello. A continuación, desde as 19.00 horas na Casa da Cultura municipal terá lugar a “Casa do terror”. Esta actividade, totalmente gratuíta, está recomendada para maiores de 5 anos.

O domingo, na praza do Concello desde as 18.00 horas, a Concellería de Cultura programa o musical “Canta e baila”, para maiores de 4 anos.

A primeira fin de semana de novembro dará comezo a celebración dos magostos mugardeses, iniciándose o sábado día 5, no que haberá unha actuación da Rondalla Mugardesa ás 19.30 horas na SRCD San Xoán de Piñeiro e a continuación celebrarase un magosto popular.

A fin de semana do 11 e o 12 de novembro celebraranse os magostos populares en Mugardos e o Seixo respectivamente. Para o sábado 11 repartiranse castañas e haberá animación desde as 18.00 horas na Praza do Concello (no caso de choiva na Praza do Mercado). E pola súa banda o domingo 12, desde as 20.00 horas está programado o magosto na Sociedade Amigos da Paisaxe Galega no Seixo.

A programación municipal do Samaín 2022 remata o 19 de novembro no Casino Progreso de Franza, cun magosto popular amenizado con música desde as 21.00 horas.

Roldós quixo destacar que “desde o goberno seguimos traballando para trasladar as nosas tradicións a todas as parroquias, e grazas á colaboración co tecido asociativo municipal este Samaín celebrarase en todo Mugardos”.

“Animamos á veciñanza a participar activamente de todas as actividades e esperamos que grandes e pequenos desfruten dunha das festas máis divertidas do ano” rematou Roldós.

Descargar cartel co programa completo

Back to top