O GOBERNO MUNICIPAL APROBA A LICITACIÓN DO PROXECTO DA NOVA BIBLIOTECA
Nos próximos días procederase a publicar toda a documentación no perfil do contratante municipal, para dar inicio ao prazo de presentación de propostas
O alcalde Juan Domingo de Deus informou, o pasado venres, do inicio da licitación do servizo de redacción do proxecto das obras de construcción da nova biblioteca pública municipal por 40.000 euros.
De Deus confirmou que os traballos contratados comprenderán todos os proxectos e estudos necesarios para que o Concello poida promover a licitación das obras. Igualmente deberán servir para que o Concello poida solicitar cantas autorizacións, acordos e informes previos sexan necesarios para a execución das obras.
A contratación promovida pola Xunta de Goberno Local desenvolverase en dúas fases. A primeira fase consistirá na contratación dos estudos previos e o proxecto básico nos que se realizarán a toma de datos da topografía, localización de servizos existentes, estudo detallado e xustificación da normativa urbanística e ambiental, establecemento de criterios aplicables na redacción do proxecto e realización de sondaxes e estudos xeotécnicos de carácter preceptivo.
Na segunda fase realizarase o proxecto de execución que permitirá desenvolver o proxecto básico, xa que o seu contido será o preciso para a execución das obras. Inclúese nesta fase a redacción do proxecto no seu conxunto, incluídos os proxectos específicos de instalacións, a redacción do estudo de seguridade e saúde, o plan de control de calidade, acta de reformulo previo, estudo xeotécnico, xestión de residuos e demais documentos necesarios; así como a medición, valoración e orzado da obra proxectada.
O alcalde salientou que nesta licitación o Concello de Mugardos por primeira vez procedeu á fixación de criterios de sustentabilidade ambiental, enerxética e construtiva “Este é un paso adiante nas licitacións municipais, xa que promovemos a fixación de criterios para optimizar o custo de construcción, a reducción do consumo de enerxía e o uso de renovables, a elección de materiais para a redución dos custos de mantemento, a integración da proposta no seu entorno, e o deseño de espazos multifuncionais”.
O importe máximo do orzamento de execución material (OEM) das obras da nova biblioteca municipal obxecto do proxecto é de 492.400,00 euros.