NOVAS ACTIVIDADES PARA NENOS E NENAS EN MUGARDOS
A Concellería de Cultura programa 4 eventos para os máis novos entre finais de setembro e principios de outubro
Mugardos, 26 de setembro de 2022. A concelleira de Cultura, Begoña Roldós, presentou hoxe as actividades programadas en Mugardos para os máis novos estes próximos días, dentro do programa cultural Ler conta Moito.
Mañá martes ás 18.00 horas no baixo da Casa do Concello (antiga oficina da OMIX), terá lugar o Scape Room Magic, con Ian Richard Hamilton (Ian&Elisa), unha actividade ideal para os nenos e nenas entre 8 e 12 anos. Ian Richard Hamilton leva moitos anos no mundo da Maxia e ao longo da súa carreira profesional tivo xa a oportunidade de traballar internacionalmente tanto no escenario como na televisión, eventos corporativos ou en publicidade.
Para o público infantil de entre 3 e 8 anos, este mesmo xoves 29 de setembro, tamén no baixo do Concello e desde as 17.30 horas, chega a “Asociación de Animais Solidarios” con TrinkeTrinke, na que os ratiños de Lonxedetodo veñen de formar a Asociación de Animais Solidarios vendo os problemas que na fauna mundial está a provocar o cambio climático, e polo que recibirán chamadas de moitos animais que buscan axuda.
A fin de semana, concretamente o sábado 1 de outubro ás 18.00 horas no Local Social da rúa Castelao, Damián Alonso presentará o seu monólogo “Ler o prospecto antes de…. “ recomendado para público a partir dos 12 anos. Trátase dun monólogo novidoso, actual e moderno que ten como obxectivo visibilizar a existencia de micromachismos, comportamentos homófobos, xenófobos, etc.
“Contacontos sensorial” con Eduvía porá o remate a esta edición do Ler conta Moito. Esta actividade desenvoverase no baixo do Concello o próximo xoves 6 de outubro en dúas sesións , a primeira ás 17.30 horas para peques de 0 a 3 anos, e ás 18.30 horas a segunda para os pequenos con idades comprendidas entre os 3 e os 6 anos. Trátase dunha sesión de contacontos destinada a bebés e a adultos acompañantes con ganas de compartir unha experiencia feliz, da man das palabras, as emocións, as cancións, a lectura e os libros. Todo acompañado de obxectos manipulables para chamar a atención do público máis novo, inquieto e ávido de experimentar xunto aos seus seres queridos.
Roldós quixo convidar á veciñanza a participar nesta edición do Ler conta Moito e subliñou que desde a súa concellería se preparou un programa “máis moderno e actual. Novamente estamos a ofrecer aos veciños e veciñas contidos actuáis e variados. Nesta ocasión temos actividades desde os 0 anos ata máis de 12, no que se presentan desde ofertas actuáis de estimulación sensorial para os máis pequenos ata temáticas sociais de máxima actualidade para os máis mozos”.