A CONCELLERÍA DE SERVIZOS INICIOU A SEGUNDA QUENDA DE DESBROCES DE CAMIÑOS E ESTRADAS MUNICIPAIS
Os traballos desenvolveranse durante as próximas semanas en todo o termo municipal mugardés
O concelleiro de Servizos, Jorge Kuntz, informou hoxe de que a empresa Jardincelas S.L. -adxudicataria dos traballos de desbroce de noiros, cunetas e plataformas das pistas e estradas municipais- iniciou o pasado luns os traballos da segunda quenda anual.
A programación elaborada pola concellería de Servizos prevía inicialmente que a empresa realizase 4 campañas anuais de desbroce (con inicio en marzo, xuño, agosto e novembro cada unha delas) pero debido ás condicións meteorolóxicas experimentouse un crecemento abundante da vexetación nos camiños e vías de titularidade municipal, polo que goberno e empresa acordaron adiantar o inicio desta segunda quenda.
Desde o departamento de Servizos sinalouse que os traballos realizados na primeira quenda de rozas, iniciados a finais do mes de febreiro, resultaron moi satisfactorios pero que nesta ocasión realizaranse algúns cambios que tanto empresa como goberno municipal consideran que poden mellorar aínda máis o resultado dos desbroces. “A valoración da veciñanza dos traballos realizados pola adxudicataria en febreiro e marzo foi moi positiva, pero tamén detectamos algúns puntos a mellorar que abordaremos nesta ocasión” sinalou Kuntz.