Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A PRAIA DA BESTARRUZA GOZA DUNHA CALIDADE DA AUGA EXCELENTE

Así o certifica a clasificación sanitaria remitida pola Consellería de Sanidade

O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Kuntz, informou hoxe de que o goberno municipal vén de recibir a comunicación anual da Consellería de Sanidade sobre a clasificación sanitaria das augas da Bestarruza, que acada o grao de excelente.

O documento recibido sobre a clasificación sanitaria anual, calculada cos resultados dos controis das catro últimas tempadas, foi elaborado polo Servizo Galego de Saúde segundo o indicado no Real Decreto 1341/2007, do 11 de outubro, sobre a xestión da calidade das augas de baño.

Kuntz confirmou que desde os departamento municipais de Servizos e Obras están xa a traballar na adecuación das instalacións da Bestarruza cuxo obxectivo é que a praia municipal estea en perfecto estado de cara á tempada do verán.

“Para ofrecer un servizo de calidade aos nosos veciños e veciñas, turistas e visitantes debemos acondicionar o areal, para o que levaremos a cabo nas próximas semanas as tarefas de limpeza e desbroce do espazo da praia e a súa contorna, así como os pequeños amaños do mobiliario e as instalacións deste espazo”.

Así mesmo, Kuntz aproveitou para confirmar que a praia contará un ano máis co servizo de socorrismo, e que desde o goberno estase a traballar para lograr a súa ampliación para poder poñer a disposición dos usuarios e usuarias da Bestarruza o servizo de socorrismo todos os días da semana. “Estamos á espera de confirmar se poderá ser posible ampliar o servizo de socorrismo e esperamos poder incorporar esta mellora no servizo con respecto ao ano pasado”.

Back to top