Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O PROGRAMA ‘COIDADOS PORTA A PORTA’ CHEGA A MUGARDOS

Realizaranse consultas gratuítas de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria con cita previa

A concelleira de Benestar Social, Ana Varela, informou hoxe da participación do Concello de Mugardos a finais do mes de maio no programa ‘Coidados porta a porta’ da Xunta de Galicia.

Do 25 ao 27 de maio estarán dispoñibles os servizos de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria de xeito totalmente gratuíto para os maiores de 55 que soliciten a súa cita previa, chamando ao teléfono 622 748 283 ou a través do correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.

O servizo de podoloxía consiste nunha consulta básica na que se realiza unha valoración do estado xeral do pé, un corte e limpeza de uñas, eliminación de durezas, callos e  helomas. A concelleira quixo lembrar que “o coidado do pé adquire unha enorme importancia co paso dos anos, xa que permite garantir autonomía e previr patoloxías”.

Realízase tamén unha valoración e exploración funcional da audición co obxecto de previr a perda auditiva. O deterioro auditivo pode afectar á integración e limitar a socialización das persoas. Varela insistiu en que “a revisión é importante para a prevención”.

En canto ao servizo de estimulación da memoria, a concelleira explicou que un profesional realizará unha valoración cognitiva e proporcionará pautas desde unha perspectiva terapéutica de como previr e limitar o deterioro, no caso de habelo.

Está previsto que este programa repita a súa presencia en Mugardos nos meses de setembro e decembro.

Back to top