Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

NOVA REUNIÓN DO GOBERNO MUNICIPAL CON INDICÁN PARA DAR A COÑECER A NOVA ORDENANZA DE BENESTAR ANIMAL

O concelleiro Miguel Mahía e os membros da asociación estiveron preparando a campaña divulgativa

Mugardos, 4 de marzo de 2022. Miguel Mahía, concelleiro de Participación, deu conta no día de hoxe da reunión mantida a pasada semana cos membros da asociación Indican, co obxectivo de marcar as liñas de actuación para dar a coñecer a nova Ordenanza de Benestar Animal aprobada o pasado mes de xaneiro.

A ordenanza municipal de tenza e benestar dos animais de compañía aprobouse definitivamente o pasado 17 de xaneiro, e é a ferramenta que permitirá traballar ao goberno municipal para acadar o máximo nivel de protección e benestar dos animais no concello, garantir e fomentar unha tenza responsable deles e defender e protexer ás mascotas, así como traballar sobre a importancia da adopción.

Na campaña divulgativa desta ordenanza participarán de xeito activo tanto o goberno municipal a través das iniciativas acordadas, como a Policía Local na súa tarefa de protección e seguridade e por suposto os membros de Indican como promotores do folleto “Querer é coidar” elaborado conxuntamente co Concello.

O folleto informativo “Querer é coidar” expón de xeito resumido e gráfico as liñas xerais de actuación abertas logo da aprobación da ordenanza, que van desde as obrigas derivadas da tenza de animais de compañía ata as infraccións recollidas e as sancións polo seu incumprimento.

Miguel Mahía destacou a importancia de establecer canles de colaboración e comunicación estables e fluidas como a que o goberno municipal ten coa asociación Indicán. “Estamos moi satisfeitos co traballo realizado conxuntamente todos estes meses, a aprobación da ordenanza foi un fito polo que ten de novidoso, pero nós non quedamos co titular da aprobación do texto, o noso obxectivo é desenvolvelo e mellorar na protección e defensa dos animais que viven na contorna humana”.

Back to top