A CONCELLERÍA DE BENESTAR INFORMA DA APERTURA DO PRAZO DE SOLICITUDE DE PRAZAS NA ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL PARA O CURSO 2022-2023
Xa está aberto o prazo para a reserva de prazas para os alumnos/as que continúan no centro e o día 16 abrirase para os/as de novo ingreso
Mugardos, 2 de marzo de 2022. Ana Varela, concelleira de Benestar Social e responsable da Escola Infantil Municipal “As Lagoas” informou hoxe do inicio dos prazos de solicitude de prazas na EIM para o curso 2022-2023 daqueles alumnos e alumnas que xa estén inscritos este ano. O próximo 16 de marzo dará comezo o prazo de solicitude de prazas para os alumnos e alumnas de novo ingreso no centro. Aqueles que desexen reservar praza para o curso 2022-2023 sendo alumnos e alumnas que asisten xa ao centro, deberán achegar a solicitude cuberta e asinada, a declaración do IRPF de 2020 de ambos proxenitores e a documentación que se modificara con respecto á presentación da solicitude de praza do pasado curso.
Aqueles que vaian realizar a solicitude de praza na Escola Infantil Municipal “As Lagoas” por primeira vez, deberán entregar a maiores da solicitude cuberta e asinada, unha fotocopia do Libro de Familia e/ou Título de Familia Numerosa, a fotocopia do DNI dos pais/nais ou titores/as, o certificado de convivencia expedido polo Concello, a xustificación de haberes e o xustificante de ocupación ou desemprego (última nómina, certificado de empresa ou certificado de desemprego). Como documentación opcional poderá achegarse o certificado sobre o grao de discapacidade e/ou certificado médico de enfermidade ou deficiencia alegada polos membros da unidade familiar, o ditame do equipo de orientación específico en que se motive a necesidade de integración, informe dos Servizos Sociais por razón da situación socioeconómica ou sociofamiliar, e documentación acreditativa de calquera outra circunstancia sociofamiliar alegada.
A concelleira confirmou que para o inicio do próximo curso está previsto que estén xa adaptadas as ordenanzas municipais que permitirán que a atención educativa sexa totalmente gratuíta para todos os usuarios do servizo da EIM, o que significa que os nais e pais so terán que afrontar o pago dos servizos complementarios.
Así mesmo, Varela informou de que as obras que se están a acometer na actualidade no centro estarán rematadas para o inicio do curso 2022-2023. Estas obras, que permiritán mellorar considerablemente o servizo e a atención aos nenos e nenas coa creación de novas zonas no interior da escola e a ampliación de practicamente todos os espazos, tanto de convivencia dos nenos e nenas como das traballadoras do centro.