Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

INÍCIANSE OS TRABALLOS DE CONSERVACIÓN E MANTEMENTO NA ZONA DE BEIRAMAR

O Alcalde visitou os lugares onde os alumnos do Obradoiro de emprego “Conservación e mantemento de montes” iniciaron as súas prácticas.

Mugardos, 11 de febreiro de 2022. Juan Domingo de Deus, Alcalde de Mugardos, visitou hoxe a zona de Beiramar acompañado polo concelleiro Miguel Mahía, onde o alumnado-traballador da especialidade de “Conservación e mantemento de montes” do obradoiro de emprego ‘Reinicia VIII’ deu comezo ás prácticas profesionais en espazos de áreas naturais e rurais de Mugardos, realizando así traballos de interese público trala súa formación teórica.

O Alcalde animou aos participantes deste obradoiro a seguir formándose e preparándose para o mercado laboral, e trasladoulles o compromiso do Concello co desenvolvemento de estratexias de xeración de emprego e inserción laboral. “En tempos tan difíciles é moi importante que a mocidade sexa capaz de encontrar saídas laborais nas que realizarse persoal e profesionalmente. E este tipo de traballos, nos que un dos obxectivos é protexer o medio ambiente, son especialmente bonitos”. 

Tanto en Beiramar como noutras zonas de actuación do concello, os traballos a desenvolver para o mantemento de camiños forestais e rurais e zonas verdes consisten na limpeza e roza de maleza (manual e mecanizado) na plataforma, as súas cunetas e taludes, así como operacións de corta de herba de terreos semiaxardinados. 

As zonas de actuación son espazos de áreas naturais e rurais, e os camiños que dan acceso, que teñen un alto valor paisaxístico e ecolóxico.

Este obradoiro promovido polo Concello permite que as dez persoas que se forman nesta especialidade de traballos forestais combinen a formación en contidos teórico-prácticos co desenvolvemento real do traballo, ao tratarse dun programa mixto de formación e emprego no que o alumnado ten un contrato laboral de formación e aprendizaxe. O obxectivo é acadar o Certificado de Profesionalidade que os acreditará nesta ocupación, co fin de poder incorporarse laboralmente neste sector do mercado de traballo.

Back to top