Outono na Palma
As portas do castelo da Palma pecharon a tempada de verán este domingo día 29 co derradeiro grupo de intrépidos que se aventuraron a descubrir os segredos de esta fortaleza que, desde fai máis de catrocentos anos, garda a entrada á ría de Ferrol.
Trala análise dos datos obtidos, desde a oficina de turismo do concello de Mugardos fan un balance positivo da acollida por parte do público que tiveron as visitas que, como ven sendo habitual, desbordan calquera previsión inicial consolidando a este recurso patrimonial como un dos maiores atractivos da vila “dúas veces real”. En concreto, desde mediados de agosto ingresaron nos seus muros un total de 1.291 persoas, o que representa un 26,94% máis respecto ao mesmo período do ano pasado e a penas mil menos das 2.330 rexistradas no ano 2018, o derradeiro con estatísticas previo á pandemia. O fixeron, ademais, en catro quendas diarias (venres, sábados e domingo) ao longo de sete fines de semana en grupos con aforo limitado para garantir o cumprimento con todas as medidas sanitarias vixentes.
En canto á procedencia, o persoal municipal destaca que a maior parte dos asistentes son do entorno máis inmediato ao castelo, especialmente, dos concellos da comarca de Ferrol. Sen embargo, non resulta menos certo que tamén teñen un peso relevante o grupo formado por familias que habitúan pasar as súas vacacións na zona e, no cal, os procedentes de Madrid ocupan indiscutiblemente o primeiro posto. “Para a nosa sorpresa a derradeira semana rematamos con unha lista de agarda de noventa persoas” recoñecen dende o departamento de turismo.
É por iso que, desde o concello de Mugardos, previo acordo coa propiedade do inmoble, quere brindar unha oportunidade a todo aquel que se quedou coas ganas de ver as entrañas da Palma. Trátase da primeira vez que o castelo abrirá máis alá da época estival polo que esta será unha especie proba piloto para testar o interese que suscita a fortaleza máis alá dos períodos con maior afluencia de turistas. Así, as visitas terán lugar os sábados de outubro e novembro nunha única quenda ás 12:00 da mañá que poderá ser adaptada en función da demanda. As reservas xestionaranse directamente desde a Oficina de Turismo de Mugardos de maneira presencial no seu novo horario (martes a domingo de 10:00 a 14:00 e de 15:30 a 19:00), no número de teléfono 630 885 761 ou no correo electrónico oit.mugardos@gmail.com