MUGARDOS CONTARÁ CUNHA PISTA DE PUMPTRACK EN O BAÑO
A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación das obras
Mugardos, 10 de setembro de 2021. Grazas a un convenio coa Deputación Provincial da Coruña, o Concello de Mugardos instalará unha nova pista de Pumptrack no termo de O Baño.
Esta denominación, de recente implantación, fai referencia a unhas pistas pechadas, con desniveis e peraltes, que nos últimos anos convertéronse nunha paisaxe característica das zonas urbanas e tamén nun habitual punto de encontro para a mocidade.
Dita infraestrutura permitirá que os afeccionados ás acrobacias urbanas poidan desenvolver a súa actividade tanto con skate como noutras versións de patinete ou de bicicleta de acrobacias ( BMX).
A este respecto, Juan Domingo de Deus, alcalde de Mugardos, declarou o seguinte: “Temos unha escola punteira de BTT, como é Pulpeiros, que logrou que Mugardos sexa unha referencia a nivel nacional, e que xunto cos mozos que practican deportes urbanos, verán nesta nova infraestrutura unha oportunidade para consolidar as súas aptitudes e facer de Mugardos un pobo onde os mozos e amantes do deporte teñan sempre un aliciente”.
As obras, ás que se destina un total de 74.474 €, IVE incluído, contan cun prazo de execución de 60 días naturais e serán acometidas pola empresa Francisco Gómez e CIA, s. l., que ofreceu unha ampliación do prazo de garantía da mesma ata os 3 anos.