Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

MELLORAS EN CAMIÑOS MUNICIPAIS Y RENOVACIÓN DE ZONAS DE XOGO E DE OCIO CENTRAN AS ACTUACIÓNS APROBADAS PARA O POS+2021 E O POS+2021 COMPLEMENTARIO

O concelleiro de Obras Jorge Kuntz informou hoxe da aprobación polo Pleno municipal das propostas para os plans de obras e servizos da Deputación en 2021 (POS+2021 e POS+2021 Complementario) por importe total de máis de 500.000 euros e que inclúen as seguintes actuacións: Melloras nos camiños municipais da rúa Coruto, Lodairo, Igrexa de Franza, Franza de Abaixo, Penedo e Galiñeiro, mellora da rede de pluviais no Porto, a pista multideporte e parque infantil no Baño e mellora da área recreativa de Beiramar e os seus accesos.

As actuacións do POS+2021 suporán un investimento de 322.122,43 euros dos que a achega municipal acadará os 52.733,14 euros. Este é un dato relevante segundo o concelleiro xa que debido á mellora da situación económica do Concello de Mugardos é a primeira vez que a administración local pode realizar achegas municipais o que segundo Kuntz “permitiu afrontar proxectos moito máis ambiciosos e demandas veciñais históricas ao comprometerse o goberno municipal a efectuar a achega municipal. Ese é un dos principais motivos na mellora dos proxectos presentados este ano á Deputación”.

Os investimentos na pista multideporte e o parque infantil no Baño, así como as melloras nos camiños municipais nas rúas Coruto, Igrexa de Franza, Lodairo e Galiñeiro xa foran incluídas na proposta do POS complementario do ano 2020, pero a Deputación da Coruña, debido á situación dos concellos ante a crise da COVID -19 decidiu reconducir as súas achegas ás axudas sociais que demandaban os concellos da provincia, e polo tanto estos proxectos quedaron sen financiación. Segundo Jorge Kuntz, “O goberno municipal decidiu volver a incluílos na convocatoria da subvención provincial deste ano xa que non queremos renunciar a eles pola importancia que teñen para a veciñanza e o compromiso adquirido o pasado ano”.

As actuacións no parque sito na urbanización do Baño consistirán na instalación dunha pista multideporte perimetrada e dun parque infantil cun castillo xigante de máis de 18 metros de lonxitude, cunha inversión total segundo o proxecto técnico redactado de 100.880,91 euros.

O arranxo e asfaltado dos camiños municipais no Coruto, Igrexa de Franza, Lodairo e Galiñeiro. consistirá nunha actuación por parroquia, e concretamente en zonas que padecen na actualidade problemas por firmes moi defectuosos, así como unha intervención máis profunda na zona do Galiñeiro por tratarse dun espazo no que coa caída de chuvias incluso febles os veciños e veciñas están a sufrir importantes inundacións. O importe total das actuacións na mellora de camiños ascenderá a 119.320,80 euros.

Pola súa banda, os traballos na mellora da rede de pluviais no peirao consistirán na separación das redes de pluviais y fecais na zona que vai desde o bar “A Isla” e o parque da Constitución. Segundo o concelleiro de obras, “esto permitirá acabar por fin cos problemas de inundacións que se están a producir na actualidade, así como xerar un importante aforro enerxético e económico ao deixar de depurar augas de choiva, xa que na actualidade o tratamento que se lle dá ás augas de choiva e ás fecais desa zona é o mesmo”. Esta actuación requerirá dunha inversión de 31.861,71 euros.

Na rúa Penedo e en Franza de Abaixo as actuacións irán encamiñadas, no primeiro caso ao asfaltado e canalización das augas de choiva respostando a unha demanda da veciñanza que nestes momentos contan cun asfaltado gravemente deteriorado. En Franza de Abaixo, continuarase coas actuacións xa iniciadas, renovando o asfaltado e a sinalización, e realizando unha limpeza e renovación das cunetas xa existentes. O custe previsto para esta actuación é de 62.097,02 euros.

Tamén dentro do POS+2021 o goberno municipal viuse na obriga de destinar 7.955,99 euros ao pago dunhas débedas do concello en concepto de honorarios de direccións de obra e dirección técnica, que corresponden a obras realizadas no 2018 das que non constaba expediente administrativo e que non foron presentadas no concello ata 2020. Debido á insuficiencia de crédito para o seu abono, o goberno viuse obrigado a incluílas nesta subvención.

No caso de que neste exercicio 2021 a Deputación da Coruña si convoque o POS+2021 Complementario, o proxecto presentado polo goberno municipal é a mellora da área recreativa de Beiramar e os seus accesos cunha inversión prevista total de 180.654,85 euros. Unha actuación que Jorge Kuntz definiu como “moi ambiciosa” e que suporía o acondicionamento do vial que vai desde O Monte ata Beiramar, a reestructuración e renovación completa da actual pista de fútbol sala, así como a instalación dunha pista de baloncesto. Ambas zonas contarían con novo equipamento deportivo. Así mesmo, Kuntz confirmou que o goberno proxectou a renovación do chan e o alumeado na zona onde tradicionalmente se instala o palco das orquestras, e a instalación de novo mobiliario urbano e traballos de paisaxismo e xardinería para humanizar a zona en función da súa contorna.

Para finalizar, Jorge Kuntz quixo destacar o apoio maioritario que esta proposta acadou dos grupos municipais presentes no plenario e que “supón un novo espaldarazo ao traballo que este equipo de goberno está a realizar, así como ás achegas realizadas polo grupo municipal socialista para a mellora dos proxectos presentados”.

Back to top