Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

AS CONTAS MUNICIPAIS REMATAN O ANO SANEADAS E CUMPRINDO A NORMATIVA

O concelleiro de Facenda Miguel Mahía informou hoxe de que a situación económica do concello a 31 de decembro de 2020 é de total estabilidade e cumprimento da normativa orzamentaria, o que permite á administración local mugardesa afrontar 2021 libre de cargas.

Mahía  adiantou que o seu departamento traballa para ir pechando frontes de xeito definitivo e poder encarar 2021 con total liberdade económica “Nas próximas semanas levarase a aprobación a conta xeral de 2019, o que permitirá pechar por fin ese exercicio económico. Por outra banda, a liquidación do ano 2020 xa podemos adiantar que esperamos un resultado moi favorable, xa que o goberno durante este ano fixo un gran esforzo e non quedan débedas con administracións, traballadores ou organismos pendentes de recoñecer, o que deixa un orzamento totalmente saneado logo de máis dunha ducia de anos arrastrando débedas. Finalmente, non podemos negar que temos todas as nosas esperanzas depositadas no ano 2021. A aposta deste goberno pola reactivación económica e o apoio ás familias mugardesas en 2021 será total, cuns orzamentos centrados na inversión, a mellora dos servizos municipais e as axudas a familias, autónomos e pemes”.

Mahia confirmou que o goberno non manexa nestes momentos ter que facer ningún recoñecemento extraxudicial de crédito en 2021 para incorporar gastos de 2020, o que permitiría a cada departamento dispoñer da totalidade das súas partidas “para facer a renovación e os cambios necesarios que requieren moitos departamentos e lograr enfocalos en atender as demandas actuais da veciñanza”.

No que respecta ás inversións, o responsable do departamento económico municipal confirmou que en 2020 realizouse o 100% das inversións a excepción dos Programas de Obras e Servizos (POS), para os que xa se solicitou un aprazamento á Deputación provincial. O motivo deste aprazamento foi o freo que supuxo a suspensión de prazos administrativos durante o estado de alarma. “En calquera caso, desde a Concellería de Obras e Servizos confirman que esas obras serán realizadas nos primeiros meses de 2021”.

Sobre as inversións para 2021, Mahía subliñou que o goberno traballa para que sexan froito da negociación e o diálogo co resto de forzas políticas da corporación. “O goberno segue coa man tendida a todas as forzas políticas para construir entre todos un Mugardos máis moderno, con mellores servizos enfocados na mellora da calidade de vida no concello, especialmente das familias máis novas”.

Back to top