Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O PLENO APROBA A ADQUISICIÓN DE MAMPARAS PARA OS COMEDORES ESCOLARES MUNICIPAIS

O pleno do concello aprobou onte por unanimidade en sesión ordinaria a adquisición de mamparas para os comedores escolares do CEIP Unión Mugardesa e do CEIP Santiago Apóstol, por 8.000 euros.

Trátase de 82 paneis protectores que permitirán mellorar as condicións dos usuarios e usuarias dos comedores, e a ampliación do número de nenos e nenas que asistirán, sempre en función da normativa sanitaria e da situación epidemiolóxica do concello e da área sanitaria.

O concelleiro de Facenda e responsable do expediente, Miguel Mahía, sinalou que ao tratarse dunha modificación orzamentaria, agora haberá de publicarse a aprobación inicial no Boletín Oficial da Provincia e manterse exposto o expediente durante 15 días hábiles. En todo caso, o concelleiro confirmou que xa se dá inicio á tramitación administrativa e ao procedemento de licitación para acurtar os prazos o máximo posible co obxectivo de proceder á instalación das mamparas no menor tempo posible.

Miguel Mahía quixo subliñar o apoio que o goberno está a obter na súa xestión ao longo de todos estes meses “Unha vez máis logramos a unanimidade de todos os grupos políticos para a posta en marcha dunha iniciativa, o que vén reforzar a nosa liña de traballo e as nosas propostas. Temos o apoio da oposición e da veciñanza para continuar por este camiño, que é o correcto”.

Back to top