XA ESTÁ EN LICITACIÓN A SENDA PEONIL E CICLISTA ENTRE FRANZA E RILO
A Concellería de Mobilidade informou hoxe de que xa está aberto por parte da Xunta de Galicia o proceso de licitación da senda peonil e ciclista ente Rilo e Franza, e cuxo prazo de presentación de ofertas remata o vindeiro 21 de xaneiro.
Este proxecto ten por obxectivo a creación dunha senda compartida, para uso de ciclistas non deportivos e peóns, paralela á estrada autonómica que comunica Fene e Mugardos, comezando na glorieta de conexión entre a AC-113 e a vía de alta capacidade V.G.-1.2, no entorno do núcleo de Franza, e finalizando no núcleo de Rilo.
O proxecto inclúe actuacións en dous treitos da vía autonómica: o primeiro executarase pola marxe dereita, comezando na glorieta de conexión entre a AC-113 e a vía de alta capacidade V.G.-1.2, no entorno do núcleo de Franza, finalizando no núcleo de Rilo. No segundo treito, actuarase na marxe esquerda da estrada, do punto quilométrico 9+820 ao 9+910, para executar un itinerario polo trazado da cuneta transitable existente na actualidade, que dispón dun ancho insuficiente para a circulación peonil.
Esta actuación incorpora suxestións presentadas ao proxecto inicial, como a prolongación dos itinerarios peonís ata entroncar co itinerario de peóns actual, no entorno da glorieta do punto quilométrico 8+550, dispoñendo novos pasos de peóns con sinalización.
A intervención tamén inclúe a reforma da pendente lonxitudinal da senda á altura do punto quilométrico 7+760, coa fin de que teña unha pendente máxima do 6%. Tamén se prevé a reposición dun treito de colector de saneamento na zona de execución dun novo muro, entre os puntos quilométricos 9+820 e 9+910.
O concelleiro de Mobilidade e alcalde, Juan Domingo de Deus mostrou a súa alegría polo inicio da licitación “É un pasiño máis. Gustaríanos que todo fose máis rápido, pero sabemos que as administracións, e máis nos tempos que corren, teñen os seus prazos. Pero a senda Rilo-Franza será unha realidade en 2021, e modificara substancialmente a mobilidade entre os núcleos de Mugardos e Franza”.
De Deus confirmou que desde a súa concellería trabállase xa no deseño de novas ferramentas de mobilidade xa que “levamos moitos anos de atraso nesta materia en Mugardos e temos moito traballo que facer. Estamos a analizar a viabilidade técnica e económica de distintos proxectos co resto dos grupos políticos municipais e con outras administracións co obxectivo de que moitos deses proxectos sexan unha realidade antes de rematar a lexislatura”.