Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

UN CONTACONTOS PARA CELEBRAR O DÍA DE ROSALÍA

Será o xoves 23 de febreiro no Local Social de Maiores, ás 12 da mañá, a cargo da compañía Trémola Teatro!

A concelleira de Ensino e Cultura, Begoña Roldós, presentou hoxe a celebración municipal do día de Rosalía de Castro o próximo día 23 de febreiro ás 12.00 horas coa representación do contacontos ‘A Miña historia’ a cargo da compañía Trémola Teatro!, para todos os nenos e nenas de 1º e 2º de Educacion Primaria dos centros escolares mugardeses.

O espectáculo céntrase en contar a biografía de Rosalía a través da personaxe dunha xornalista saída do século XIX para introducir algúns dos textos máis importantes da autora. Cos libros alí, a actriz amosaralle os textos á rapazada e mesmo compartirá algunhas das creacións rosalianas. O contacontos fai referencia á relevancia de Cantares en relación coas Letras ou ao papel de Rosalía como protagonista do Rexurdimento Galego. Tamén se proxecta a súa figura como muller pioneira do seu tempo, coa inclusión deste tema a partir dun fragmento de Lieders.

Roldós informou tamén de que o Concello colaborará coa iniciativa de ruta rosaliana da man da entidade cultural Apelón Educación, o vindeiro día 24 de febreiro. Este roteiro terá o acompañamento das Gaitas de Ares e parada para photocall no Concello. Sairá ao redor das 10.30 do IES cunha duración aproximada dunha hora.

Roldós confirmou que a celebración deste día tan sinalado para as letras e a lingua galegas estenderase por toda a comarca da man do Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Concellos de Ferrolterra.

Back to top