TRES XORNADAS DE PORTAS ABERTAS DAN INICIO AO CURSO NA ESCOLA DE MÚSICA MUNICIPAL
As persoas interesadas poderán acudir os sábados 3, 10 e 17 de setembro pola mañá
Begoña Roldós, concelleira de Cultura, presentou hoxe a programación para o curso 2022 -2023 da Escola de Música Municipal “As Lagoas”, que dará comezo con tres xornadas de portas abertas programadas para os sábados 3, 10 e 17 de setembro, de 11.00 a 14.00 horas.
As xornadas de portas abertas teñen como obxectivo achegar á veciñaza a escola de música e dar a coñecer a oferta formativa do centro e as súas instalacións. “As ventaxas da formación musical son de sobra coñecidas por todos, e gustaríame lembrar que nunca é tarde para aprender, así que é importante borrar a crenza de que aprender música é cousa de nenos” sinalou Roldós.
Este curso, as clases teóricas programadas son música e movemento, iniciación musical e linguaxes musicais; as clases grupais serán combo, canto e pandeireta; e a formación en instrumentos será das materias clarinete/saxofón, trompeta, violín, percusión, guitarra e piano.
O prazo da matrícula dará comezo o día 15 de setembro, e deberá facerse nas oficinas da OMIX situadas no primeiro andar da Casa do Concello, de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas. Para máis información, as persoas interesadas tamén poden poñerse en contacto co departamento municipal de Cultura chamando ao 981 470 338 (extensión 2033) ou vía correo electrónico cultura@mugardos.gal.
Na presentación, Roldós falou dunha programación “de continuidade” este curso para a escola de música municipal. “O funcionamento da escola é bo, e máis aló da inversión en adquisición de material e as melloras nas instalacións que queremos facer o próximo ano, non vimos que fose necesario modificar a oferta formativa”.