TOURIÑÁN SERÁ O ENCARGADO DO PREGÓN DA XXX FESTA DO POLBO DE MUGARDOS
O humorista e actor galego estará en Mugardos o próximo 9 de xullo.
A concelleira de Cultura, Begoña Roldós, confirmou hoxe que o coñecido e admirado humorista, actor e presentador galego Xosé Antonio Touriñán será o encargado de ofrecer o pregón da XXX Festa do Polbo de Mugardos o próximo 9 de xullo.
Roldós informou que fai xa algunhas semanas que o goberno municipal propuxéralle a Touriñán ser o pregoeiro desta edición da festa e que “foi unha enorme satisfacción que este aceptara”. Desde o goberno municipal trasladan que a figura do actor e humorista cullerdense encaixa perfectamente coa imaxe da festa gastronómica mugardesa como son a galeguidade, a tradición e a diversión. “Touriñán era sen dúbida unha elección máis que acertada” sinalou a concelleira.
O actor coruñés, de 42 anos, é Licenciado en Filoloxía Galega e pai de dous fillos. Iniciouse no teatro escolar no seu Culleredo natal, e foi fundador xunto a Marcos Pereiro do dúo cómico Os 2 de Sempre, onde naceu a queridísima “Mucha” (xunto á súa inseparable “Nucha”), persoaxe coa que lle chegou a fama e o recoñecemento do público. Desde 2009 adícase tamén á producción audiovisual con Ainé Producións.
Afeccionado ao deporte e deportivista confeso, Touriñan está a vivir na actualidade unha das súas etapas laboráis máis prolíficas coa recente estrena en cines da comedia “Cuñados”, a obra teatral Fariña que se estreou en 2019 e que ten datas confirmadas ata o mes de xuño, e o programa de viaxes “Rutas Bizarras” xunto á tamén actriz Marta Hazas.