Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

TARDE DE REGATAS MAÑÁ SABADO NO PEIRAO DE MUGARDOS

A VI Bandeira de Traiñas e a IV Bandeira de Traiñas feminina celebraranse desde as 17.00h

A concelleira de Deportes Begoña Roldós informou hoxe da presentación da IV Bandeira de Traíñas Feminina Reganosa e da VI Bandeira de Traíñas Concello de Mugardos, que se disputarán mañá sábado no peirao mugardés ás 17.30 e ás 18.30 horas, e que forman parte do calendario oficial da Liga Galega de Traiñeiras (nas categorías F e A respectivamente).

Esta importante cita deportiva na que participarán máis de 15 embarcacións, conta coa organización do Club do Mar de Mugardos e a colaboración, entre outros, do Concello de Mugardos e Reganosa, e nela repartiranse un total de 15.000 euros en premios.

Está previsto que participen nas regatas CM Bueu, SD Samertolameu, SD Tirán, CDM Mera, CR Cabon da Cruz, CR Chapela, CR Mecos, CR Rianxo, CR Narón, CR Puebla, CRN Riveira, CM Castropol, CCD Cesantes e por suposto, as traiñeiras locais, tanto masculina como feminina, do Club do Mar e Mugardos-A Cabana Ferrol.

A modalidade da regata será a mesma para as dúas competicións, dispoñendo de 4 rúas de 5556 metros de lonxitude, que deberán percorrerse en 6 longos. O campo de regatas estará no Cabo Leiras o que permitirá á veciñanza desfrutar ao máximo do evento deportivo.

Á presentación da xornada deportiva, que tivo lugar no salón de plenos, asistiron a Alcaldesa Accidental Ana Varela, Guillermo Pereira e Gloria Vilar en representación do Club do Mar, o Director de Operacións de Reganosa Jesús Losada, e Begoña Roldós e Miguel Mahía como responsables municipais das concellerías de Deportes e Participación respectivamente.

Desde o goberno municipal esperan unha enorme afluencia de xente a Mugardos a tarde do sábado “O remo é un dos deportes de maior tradición na nosa comarca, o evento é do máximo nivel, o Club do Mar ten moita experiencia na organización de competicións, e o tempo vai acompañar, así que non podemos pedir máis. Por suposto, animamos a todo o mundo a achegarse ata Mugardos a desfrutar da tarde de remo, do noso pobo e da nosa gastronomía” rematou Roldós.

Back to top