SIMULACRO DE SEGURIDADE MARÍTIMA NO CABO LEIRAS O PRÓXIMO 26 DE FEBREIRO
O concello coordina este simulacro dentro das competencias en seguridade
O alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus, informou hoxe da organización en Mugardos dun simulacro de seguridade marítima o próximo domingo 26 de febreiro ás 11.00 horas na contorna do Cabo Leiras, no que participarán case 30 organizacións relacionadas coa seguridade, as emerxencias e a saúde.
A organización do simulacro iniciouse o pasado venres coa celebración da primeira das dúas reunións previstas de coordinación na que se fixaron as bases da simulación, que será un accidente marítimo preto de Cabo Leiras con gran número de vitimas mortais.
Ás reunións de coordinación para a preparación do simulacro, presididas polo alcalde mugardés, acompañado polo concelleiro de Servizos, Jorge Kuntz, e na que participan tamén como medios propios a Policía Local e os GES, asisten a Subdelegada do Goberno de A Coruña, o alcalde e o concelleiro de Seguridade de Fene, o Capitán Marítimo de Ferrol, o xefe de Seguridade Marítima, o 2º xefe da Torre de Control de Salvamento, o Servizo de Gardacostas de Ferrol, o subdirector xeral de Gardacostas, o alcalde e o concelleiro de Seguridade de Ferrol, o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol – San Cibrao, o coordinador do Gali, o xefe de área do CIAE112, o xefe de operacións da Comandancia da Garda Civil de A Coruña, o responsable provincial de Socorros e Emerxencias, a directora FPUSG – 061, a xefatura territorial de Emerxencias de A Coruña, Portos de Galicia, os prácticos do Porto de Ferrol, Seguridade de Navantia Fene, o Servizo Marítimo da Garda Civil de A Coruña, o xefe de división de Seguridade, Protección e Medio Ambiente, o xefe de Protección Civil de Ferrol, o alcalde do Concello de Cabanas, o subdirector do Imelga e o xefe da Policía Local de Ares.
De Deus destacou a importancia deste tipo de actividades “para a mellora na resposta dos medios de seguridade e emerxencias diante dunha eventualidade como a dun accidente cun montón de vitimas e no que tantas adminsitracións estarían involucradas, xa que nestes casos, unha resposta rápida e coordinada pode salvar moitas vidas”.