REORDENACIÓN DO TRÁFICO RODADO NA CONTORNA DO LOYOLA
As concellerías de Mobilidade e de Obras e Servizos informan do inicio no día de hoxe dos traballos de adaptación da rúa Curros Enríquez a vía de sentido único, permitindo só o tráfico en sentido ascendente entre a Xesteira e Os Casás. Está previsto implementar o cambio na circulación a semana próxima coincidindo co inicio do curso escolar.
Os traballos iniciados no día de hoxe, céntranse na modificación e mellora da sinalización vertical e horizontal
O motivo principal da limitación do tráfico en sentido ascendente na rúa Curros Enríquez é a reorganización do tráfico na zona, especialmente complicado nas horas de entrada e saída do centro de ensino CPR Loyola, e que mellorará o nivel de seguridade tanto da veciñanza como dos membros da comunidade educativa. Así mesmo, acabarase coa problemática xerada co acceso do bus escolar, que deixará aos rapaces diante do centro, evitando ter que cruzar a vía.
Previo á adopción desta medida, e a instancias do goberno municipal, a Policía Local mugardesa levou a cabo unha consulta entre a veciñanza para coñecer o nivel de aceptación co que contaría a medida de fixación da rúa como vía de sentido único para a rodaxe dos vehículos, e que foi apoiada case co 90% dos votos veciñais. Así mesmo, a medida fora xa solicitada en numerosas ocasións pola dirección do centro de ensino.
O alcalde e responsable da área de mobilidade municipal Juan Domingo de Deus, quixo destacar que esta é a primeira das medidas presentadas na pasada comisión informativa de urbanismo, nas que o goberno municipal e a Policía Local traballan conxuntamente, e que se expuxeron como xerme dun futuro plan de mobilidade municipal.
O alcalde confirmou que os traballos do goberno municipal no ámbito da mobilidade teñen como prioridade a mellora nos accesos aos colexios mugardeses e xa se está a traballar nun programa de “camiños escolares seguros”, co obxectivo de que os nenos e nenas poidan acudir ao centro escolar de xeito seguro e autónomo “Este é o inicio dun traballo que mellorará a mobilidade e a accesibilidade en todo o concello” subliñou de Deus.