PROGRAMACIÓN DO MES DE SETEMBRO NO MUSEO DO CALDOVAL
Remata a programación de verán en Caldoval pero a actividade non para, e neste mes de setembro o centro de interpretación segue co horario de verán. Os visitantes poderán achegarse a coñecer o pasado romano do lugar de martes a domingo de 10:30 a 14:00 h. e de 16:30 a 20:00 h. Ademais, celebraranse dúas actividades especiais.
A primeira das actividades será o sábado 12 de setembro para conmemorar o oitavo aniversario da apertura do museo cunha visita teatralizada na que coñecer a vida diaria de Caldoval transportándonos ao século I. É unha actividade para todos os públicos con dúas oportunidades: ás 12:30 e 18:30 h., previa reserva.
A seguinte actividade especial de setembro será o sábado 27, titulada “Banquete en Caldoval”, na que faremos un xogo no que coñecer cómo era o uso da moeda e a gastronomía na Antiga Roma para elaborar un menú. Haberá dúas oportunidades de participar: en quenda de mañá ás 11.30 e de tarde ás 17:30 h. É unha actividade para público adulto e familias con crianzas a partir de 10 anos, previa reserva.
Continúan a maiores as visitas guiadas e os obradoiros habituais, sendo todas as actividades gratuitas. As reservas serán no teléfono 687 07 21 16 en horario de apertura, e no correo electrónico info@museocaldoval.gal.