Programación de actividades e obradoiros do Centro de Interpretación de Caldoval
Co comezo do verán, o Centro de Interpretación de Caldoval presenta a súa programación de obradoiros e actividades especiais para o mes de xullo. Ademais das visitas guiadas e obradoiros habituais ofertados de xoves a domingo, desenvolverase unha serie de actividades para as que xa hai data oficial. Os días 17 e 18 de xullo, preséntase Romanos/as á palestra!, un obradoiro familiar no que os seus participantes poderán recrear en pequeno tamaño a súa propia palestra. Un obradoiro de arqueoloxía, Na procura do tesouro romano, levarase a cabo durante os días 24 e 25 de xullo para que o público máis novo do museo teña a oportunidade de traballar como arqueólogo/a por un día e aprender máis sobre este valioso oficio. Por último, os días 30 e 31 de xullo celebrarase a IV edición das xa tradicionais Xornadas de Xogos Romanos en Familia para pasar a tarde ao aire libre xogando ao estilo romano.
Estas actividades terán aforo limitado, polo que será necesario reservar no momento en que se abra o prazo de cada unha delas, o que se anunciará dende o propio centro a través das súa páxina web e redes sociais Facebook e Instagram (@museocaldoval). Para obter máis información pode poñerse en contacto co persoal do museo chamando ao número de teléfono 687 07 21 16 en horario de apertura do centro, ou a través do seu correo electrónico: info@museocaldoval.gal.