PORTOS DE GALICIA AVANZA NA MELLORA DO PASEO DE MADEIRA DE MUGARDOS CON ACTUACIÓNS DE MANTEMENTO PREVIAS Á SÚA RENOVACIÓN INTEGRAL
O alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus, informou de que Portos de Galicia está a levar a cabo traballos de mantemento e axuste en distintos puntos do paseo de madeira do municipio, unha actuación destinada a garantir as mellores condicións de uso e seguridade mentres se avanza na planificación dunha intervención de maior alcance.
Segundo as previsións trasladadas pola Xunta de Galicia, o seguinte paso consistirá na redacción do proxecto técnico e a posterior licitación das obras para a renovación da estrutura, as varandas e o pavimento do paseo. O investimento previsto podería alcanzar os 400.000 euros.
A actuación contemplaría a substitución dos actuais elementos de madeira por materiais de maior durabilidade e resistencia fronte ás condicións da contorna marítima, especialmente fronte á erosión e ao desgaste provocado pola humidade e a salinidade, alén de requirir un mantemento máis sinxelo e eficiente.
Así mesmo, estúdase a posibilidade de executar os traballos en distintas fases, priorizando inicialmente aqueles tramos que presentan unha maior deterioración e necesidade de intervención, mentres que as zonas que se atopan en mellores condicións poderían abordarse nunha etapa posterior.
O alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus Fonticoba, destacou que “se trata dunha actuación moi importante para o municipio, xa que permitirá mellorar unha infraestrutura moi utilizada por veciños e visitantes, garantindo a súa conservación e funcionalidade a longo prazo. Agradecemos a implicación de Portos de Galicia e da Xunta nunha demanda necesaria para o noso paseo marítimo”.
Desde o Concello de Mugardos continuarase realizando un seguimento dos avances do proxecto e mantendo informada á cidadanía sobre os próximos pasos desta actuación.