POLBO, MÚSICA E MOITA DIVERSIÓN ENCHERÁN MUGARDOS O PRÓXIMO SÁBADO
As entradas para a degustación do polbo e a empanada na carpa municipal están xa á venda na oficina de turismo
Mugardos, 7 de xullo de 2022. . A concelleira de Cultura e Turismo, Begoña Roldós, presentou hoxe a programación definitiva da XXX edición da Festa do Polbo á mugardesa, que volve este sábado chea de novidades logo do obrigado parón causado pola pandemia.
Ás 11.30 horas tomará a palabra desde o balcón da Casa do Concello o pregoeiro da festa, Xosé Antonio Touriñán, para dar comezo á XXX edición da Festa do Polbo de Mugardos. “Os mugardeses e mugardesas estamos desexando que chegue ese momento para dar inicio á que sen dúbida vai ser unha das máis esperadas e emocionantes edicións da nosa festa” sinalou Roldós.
Aquí terá lugar tamén outro momento importante do día, como é a presentación oficial da mascota da festa. A concelleira anunciou que “o polbo Pepe acompañará aos mugardeses e visitantes durante toda a xornada e fará as delicias dos máis pequenos, que poderán xogar e rir coa nosa particular e trouleira mascota”.
Unha novidade máis deste ano serán as actividades para os máis pequenos da casa que desde o departamento de Cultura organizaranse na praza do Concello, con obradoiros de pintacaras e polbiños de tea de 12.00 a 14.00 horas, e de tatuaxes e chapas pulpeiras de 16.00 a 18.00 horas.
Ás 13.00 horas iniciarase a degustación do polbo á mugardesa e a empanada na carpa municipal, na que este ano o cociñado das viandas correrá a cargo dos profesionais de Casa Taboada. A concelleira quixo lembrar que “as entradas para a carpa xa poden adquirirse na Oficina de Turismo (Avenida do Mar, 1) en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas, e o mesmo sábado de 10.00 a 21.00 horas. Pero é importante que a xente teña en conta que este ano a carpa estará dividida por zonas e o acceso farase por quendas, cun aforo máximo aproximado de 325 persoas por zona en cada quenda, co cal se xa se ten decidido baixar ao peirao e desfrutar da festa e do polbo, canto antes compren as entradas, mellor, para evitar quedar sen acceder”.
Roldós mostrouse convencida de que as ventaxas da medida de limitación de aforo notaranse no momento de chegar á carpa “Na situación actual, a xente vai agradecer que non haxa aglomeracións no acceso e o interior, así como poder estar nun espazo limpo e recollido sexa a hora que sexa. Simplemente hai que estar atento de chegar á carpa á hora sinalada na entrada, pedir a comida e listo”.
O prezo da ración de polbo (que inclúe pan e viño) é de 10 euros, e a ración de empanada de polbo serán 2 euros.
A programación musical dará comezo ás 18.00 horas coa xa tradicional batukada dos Kilomberos pola Avenida de Galicia A responsable de Cultura e Turismo subliñou a estreita relación entre a celebración mugardesa e os Kilomberos “O día que a Festa do Polbo volve a Mugardos, os Kilomberos non podían faltar. É xa unha tradición e un dos momentos máis divertidos do día cando ducias, incluso centos de persoas de todas as idades, bailan e desfrutan seguindo aos membros do grupo ao ritmo da súa percuisión no seu percorrido pola rúa”.
E para rematar, para todos os que aínda teñan gañas de troula, desde as 22.30 horas a Orquestra “La banda de ayer” porá o peche á festa coa súa música pop e rock dos anos 80 e 90 nas Casas Baratas.
“O sábado por fin volve a Festa do Polbo a Mugardos e convidamos á xente a vir e desfrutar da festa. O sábado todo o que veña poderá comer o noso delicioso polbo á mugardesa, bailar, rir e desfrutar do noso pobo e as súas xentes” rematou Roldós.