Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

OUTRA FIN DE SEMANA DE DEPORTE E RISAS EN MUGARDOS

Mugardos quenta motores cara o verán, con fins de semanas cheas de actividades

16 DE MAIO DE 2022. Dous días cheos de xadrez e risas en Mugardos esta fin de semana, coas rúas e os locais de hostalaría cheos de xente, como inicio dun verán que promete ser inolvidable no que se recuperará a normalidade nas actividades municipais.

Por unha banda, no centro cívico municipal celebrouse o VI Torneo Internacional Concello de Mugardos no que houbo ata 41 inscritos, aínda que finalmente pola coincidencia cunha final da liga autonómica producíronse algunhas baixas de última hora. En calquera caso, foron dúas xornadas de desfrute e deporte no que o alcalde Juan Domingo de Deus confirmou que o goberno municipal traballa para incorporar o xadrez ás escolas municipais no curso 2022-2023.

“Estamos moi satisfeitos coa participación e por ver que o xadrez volveu a Mugardos con forza. O Concello e o Círculo Ferrolano de Ajedrez organizamos conxuntamente este evento e puidemos comprobar en primeira persoa que hai moito interese polo xadrez” sinalou Juan Domingo de Deus.

O alcalde quixo facer unha mención especial a Javier Cartelle, que resultou o vencedor local do torneo. 

Para rematar a fin de semana, onte os nenos e nenas encheron o Casino Progreso de Franza para desfrutar e rir co pallaso Popín Palomero. Máis de unha hora de diversión para grandes e pequenos.

Begoña Roldós, concelleira de Cultura, lembrou que “este é o inicio da tempada de verán. Desde o Concello temos programadas actividades para todas as fins de semana con teatro, música, deporte e festa”.

Roldós lembrou que mañá mesmo a partir das 20.00 horas no Casino de Franza terá lugar un maravilloso concerto da Coral Estrelas de Mugardos e da Rondalla Mugardesa, dentro dos actos organziados de celebración dos Maios e o Día das Letras Galegas.

A concelleira fixo un pequeño resumo das próximas actividades organizadas polo seu departamento: o resto das fins de semana de maio seguirase coas representacións do pallaso Peter Punk. Tamén todos os sábados do mes de xuño está programado un ciclo de teatro no Casino Mugardés, e os domingos actuacións musicais nos locais de hostalaría (con data especial e extraordinaria o 23 de xuñon pola celebración do San Xoán). A fin de semana do 28 e o 29 de maio o concello colabora na Montefaro Enduro Race 6.0 organizada por Pulpeiros de Mugardos, que é unha proba puntuable para a Copa de España. 

“O voto de Chanteiro, a celebración do San Xoán, a XXX Festa do Polbo co pregón de Touriñán, as Festas do Carmen, a merenda de maiores… Hai moito traballo, pero tamén moita ilusión. Este é o verán máis especial que lembro desde que son concelleira no que respecta á organización de actividades culturais e deportivas. Notamos moito que a xente ten ilusión e ganas de compartir momentos de ocio e ledicia, e esperamos estar á altura das expectativas” finalizou Roldós. 

Back to top