Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

OS VECIÑOS E VECIÑAS PODEN FRACCIONAR OU APRAZAR O PAGO DOS RECIBOS MUNICIPAIS

O concelleiro de Facenda, Miguel Mahía, quixo lembrar a posibilidade que teñen os veciños e veciñas de fraccionar e aprazar o pago dos recibos municipais se así o desexan, así como aclarar as causas do retraso na emisión dalgúns recibos ata este mes.

Desde a concellería de Facenda lembran aos veciños e veciñas que durante o período voluntario de pago das taxas de lixo, auga, sumidoiros saneamento, canon da auga e coeficiente de vertedura do primeiro e segundo trimestre de 2020, os veciños e veciñas non teñen por que realizar o pago dos dous recibos conxuntamente. Ata o 30 de xaneiro de 2021 as persoas que non teñan domiciliados os recibos poderán pagalos conxuntamente ou de maneira separada se así o prefiren “Os veciños recibiron nas súas casas os dous recibos á vez, pero poden pagalos xuntos ou separados ata o 30 de xaneiro. Se están domiciliados, pasaráselles un en decembro e outro en xaneiro”.

O fraccionamento poderá realizarse ata 12 meses (excepcionalmente ampliables), e os veciños e veciñas interesados deberán facer a solicitude por rexistro (presencial ou sede electrónica) cunha instancia tipo sinalando os recibos que desexen fraccionarse, o importe dos mesmos e o prazo no que se desexe facer fronte á débeda. Unha vez recibida a solicitude, a Concellería de Facenda procederá a resolvela, informará á recadación municipal, e a persoa solicitante do fraccionamento recibirá unha copia da resolución no seu domicilio onde se lle sinalará o importe mensual ao que deberá facer fronte, os meses e as formas de pago.

O aprazamento dos recibos municipais poderá realizarse tamén ata un máximo de 12 meses (excepcionalmente ampliables), e os veciños e veciñas interesados deberán facer a solicitude por rexistro (presencial ou a través da sede electrónica) cunha instancia tipo sinalando os recibos que desexen aprazar, o importe dos mesmos e o momento no que desexen realizar o pago das débedas. Unha vez recibida a solicitude, a Concellería de Facenda procederá á súa resolución, informarase á recadación municipal e o solicitante do aprazamento recibirá no seu domicilio unha comunicación onde se lle sinalará o importe do aprazamento e a data na que deberá efectuar o pago, así como diversas canles existentes para realizalo.

A diferencia entre fraccionamento e aprazamento é que no fraccionamento decídese en cantas mensualidades queren fraccionarse os recibos, e no aprazamento decídese retrasar o importe total dun ou máis recibos ata unha data determinada (a que indique o veciño).

Desde a concellería lémbrase que en ningún caso pode fraccionarse ou aprazarse a parte do recibo que recolle o canon e o coeficiente de vertedura xa que trátase dun concepto que non está regulado por normativa municipal, senón da Xunta de Galicia.

O motivo de fixar nun máximo de 12 meses os fraccionamentos e aprazamentos dos recibos foi o de non dilatar máis aló dun exercicio económico o pago dos mesmos. Miguel Mahía quixo aclarar que de maneira excepcional e xustificada por parte do solicitante, “os prazos poderanse ampliar o tempo que o solicitante requira”.

Por outra banda, o concelleiro ante a confusión e o malestar que está a causar nalgúns veciños, quixo lembrar que foron varios os motivos polos que non se cobraron os recibos ata agora, coa apertura do prazo voluntario do 23 de novembro ao 30 de xaneiro para o pago das taxas de lixo, auga, sumidoiros saneamento, canon da auga e coeficiente de vertedura do primeiro e segundo trimestre de 2020.

“O primeiro motivo foi que no mes de marzo, co estado de alarma decretado, as actividades municipais limitáronse ao máximo, polo que non se realizaron todas as lecturas dos contadores por parte do persoal”. Así mesmo, o concelleiro lembrou que “os prazos administrativos suspendéronse en todas as administracións ata o mes de xuño, o que impedía de facto a aprobación dos padróns cobratorios que teñen que expoñerse 3 semanas ao público, o que en todo caso tería retrasado mínimo ata o mes de agosto o cobro do primeiro trimestre” subliñou o concelleiro.

Chegado o momento da normalización da xestión administrativa municipal nos meses de xullo e agosto, os atrasos na aprobación e no cobro das axudas aos colectivos máis vulnerables (principalmente Ingreso Mínimo Vital e ERTEs) que se estiveron producindo, levaron a pensar aos membros do goberno municipal que retrasar o cobro das taxas municipais o máximo tempo posible sería a opción que máis beneficiaría ás familias con problemas para afrontar estes pagos.

Mahía confirmou que “O que fixemos foi retrasar ao máximo o cobro dentro deste ano, e ampliar ata os dous meses e medio o período de pago, mantendo a posibilidade de adaptar os pagos como cada veciño ou veciña preferise. Sacamos os recibos do primeiro e segundo trimestre ao cobro conxuntamente, e son os veciños os que deciden se pagalos xuntos, separados, fraccionalos ou aprazalos. Este foi o mellor xeito de xestionar os recibos que puidemos artellar, e está pensado para que aquelas familias con maiores dificultades económicas poidan adaptar o máximo posible a forma de facer fronte aos pagos”.

Mahía quixo desmentir que o concello puidera cancelar o pago das taxas para todos os veciños ou que puidera fixar un mínimo mensual idéntico para todos os recibos “Hai cousas que se están a dicir que non son legais nin viables. Entendemos o malestar dalgunhas persoas, pero existen ferramentas para axudar a aqueles que non poidan facer fronte aos recibos, e todas esas ferramentas xa están a disposición da veciñanza. Hai que dar facilidades aos que o necesiten, pero eso non son todos os veciños. Moitas familias teñen unha situación económica que lles permite facer fronte aos recibos do xeito habitual e non teñen por que non pagar, ou pagar un mínimo. Para os que non poden afrontar os pagos nos prazos fixados, existe o fraccionamento, o aprazamento, as axudas sociais, as exencións, e toda unha batería de resortes dos que dispón a administración nos que traballamos para non deixar a ninguén atrás”.

“Desde o goberno estamos a ver algúns discursos demagóxicos que tentan aproveitar o malestar xustificado dalgúns veciños, para atacar ao goberno municipal. Non facemos todas as cousas ben e estamos abertos ás críticas, pero esperamos maior responsabilidade de quenes coñecen o funcionamiento da administración e o traballo que se está a facer para axudar aos que realmente o necesitan” afirmou o concelleiro.

Para finalizar, o concelleiro quixo aclarar como se realizaron os cálculos nos consumos dos recibos. “En marzo, cando salta o estado de alarma, atopámonos con que non están recollidas aínda todas as medicións dos contadores de auga do primeiro trimestre. Chegado o mes de xullo, cando se realizan as medicións do segundo trimestre, e dase inicio á confección dos padróns cobratorios decidimos que, nos casos onde non existira lectura do primeiro trimestre, repartir o consumo entre os dous recibos, para que ningún deles fose especialmente alto. Pensamos que era preferible pasarlle a unha veciña dous recibos de 70 euros, que un de 30 euros e outro de 110 euros. Novamente, a decisión tomouse pensando nas persoas que puideran ter maior dificultade para facer fronte ao pago” rematou Mahía.

Na seguinte ligazón pode descargarse a instancia para realizar a solicitude de fraccionamento ou aprazamento:

DESCARGAR PDF Solicitude de fraccionamento ou aprazamento de recibos

Back to top