Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

OS ORZAMENTOS MUNICIPAIS FORON APROBADOS INICIALMENTE NO PLENO CELEBRADO HOXE

O Pleno do Concello de Mugardos aprobou os orzamentos municipais para o exercicio económico do 2020 nunha sesión extraordinaria celebrada esta mañá, co voto favorable dos grupos municipais do Partido Popular e do Partido Socialista, e o voto en contra de Esquerda Unida. O concelleiro do BNG decantouse pola abstención.

Estes orzamentos, xunto co Plan Económico Financieiro xa aprobado, permitirán o saneamento das contas municipais e a axilización da xestión, xa que será a primeira vez desde 2017 que unha corporación municipal mugardesa conte con orzamentos aprobados para o exercicio económico vixente.

Os orzamentos reflicten uns ingresos e gastos previstos de 6.924.646,13 € para este 2020, no que as inversión previstas inicialmente acadan un importe superior aos 900.000 euros, entre as que destacan a adquisición do edificio para a nova biblioteca, a ampliación da EIM As Lagoas, a adquisición dun novo vehículo para a policía local, a habilitación do espazo para o aparcamento no CPR Loyola, o equipamento do pavillón polideportivo, as actuacións de aforro enerxético no alumeado, ou a adquisición de novos equipos informáticos para a axilización e dixitalización dos procedementos administrativos.

Nos orzamentos aprobados para 2020 os incumprimentos de teito de gasto e estabilidade orzamentaria quedan solventados, traballándose sobre escenarios de cumprimento do obxectivo de estabilidade e do teito de gasto fixado.

O concelleiro de Facenda Miguel Mahía quixo destacar a importancia que a aprobación destes orzamentos teñen para o normal funcionamento do Concello así como da posibilidade de saír por fin da fase de parálise inversora na que se atopa o concello pola imposibilidade de realizar inversións con fondos propios municipais se ditas inversións non están previamente reflectidas no orzamento “Aumentamos as axudas sociais, no orzamento recollemos inversións imprescindibles para a veciñanza e saldamos as débedas con proveedores, traballadores e otras administracións que o concello vén arrastrando desde fai anos. Hoxe estamos un paso máis cerca do obxectivo de sanear as contas municipais, e modernizar e dinamizar os servizos públicos que o concello ofrece aos mugardeses e mugardesas, adaptando a xestión do orzamento ás demandas reais da veciñanza”.

Así mesmo, Miguel Mahía confirmou que o goberno municipal ten previsto presentar os orzamentos de 2021 nas próximas semanas, e para dar inicio á tramitación levará a semana próxima a comisión os informes previos que deben remitirse ao Ministerio para arrincar a tramitación.

Mahía quixo destacar que “Se logramos cumprir os prazos previstos, o 1 de xaneiro de 2021 estarán vixentes os orzamentos dese exercicio, feito que non ocorre en Mugardos desde fai décadas. Esta é a nosa maneira de xestionar e gobernar, dando seguridade xurídica e económica á veciñanza. Os cambios estanse a notar xa, e virán moitos máis que mellorarán de xeito sustancial o funcionamento da administración”.

“Estamos a piques de lograr un feito histórico en Mugardos, coa aprobación de dous orzamentos en apenas 3 meses, pero sabemos que este esforzo pagará a pena. Chegarán melloras, inversións e novos servizos ” rematou o concelleiro.

Back to top