O VENRES REMATA O PRAZO PARA SOLICITAR A EXENCIÓN DAS TAXAS DE AUGA, LIXO, SUMIDOIROS E EDAR PARA O ANO 2022
Mugardos, 9 de febreiro de 2022. A concelleira de Servizos Sociais Ana Varela lembra que o prazo para a solicitude da exención das taxas de auga, lixo, sumidoiros e EDAR para este ano 2022 remata este próximo venres.
A concelleira quixo lembrar que os dous requisitos principais para ter acceso á exención son estar empadroado no Concello de Mugardos e non ter ingresos superiores ao 125% do IPREM, por todos os conceptos e calquera que sexa o número de persoas que compoñan a unidade familiar.
Ana Varela animou a solicitar a exención, especialmente aos veciños cuxas circunstancias actuáis non sexan as que se reflicten nos datos económicos solicitados, xa que desde o ano pasado a este mudou a súa situación laboral, familiar e/ou económica. “Estes son os casos nos que a xente ten que facer uso dos servicios sociais, por que a pandemia causou estragos na economía de moitas familias que nunca fixeron uso dos servicios sociais, e temos que estar aí para evitar con todos os medios dispoñibles que a xente pase apuros económicos que impidan desenvolver a vida”.
A documentación que deberá presentarse é a fotocopia do DNI da persoa solicitante – no caso de ser a primeira vez que o solicita-, o último recibo da auga, lixo, sumidoiros ou EDAR a nome da persoa solicitante da exención, o informe de empadroamento de todas as persoas que residen na vivienda e o certificado do IRPF do ano 2020, de tódolos membros da unidade familiar. “Por suposto, as persoas interesadas en solicitar a exención poderán aportar calquera outra información e documentación que permita coñecer do xeito máis axeitado a súa situación, xa que as solicitudes estúdanse por parte dos servizos sociais de maneira individualizada” sinalou Varela.
Para rematar, a concelleira animou aos veciños e veciñas a porse en contacto cos servizos sociais ou con ela mesma para calquera aclaración ou dúbida relacionada con esta axuda. “De luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas, está aberta a atención ao público nos servizos sociais tanto presencialmente coma telefónicamente (chamando ao 981 470 290 extensión #2049 ou #2017). Tamén poden poñerse en contacto a través do correo electrónico servizos.sociais@mugardos.gal ou ana.varela@mugardos.gal. Esperamos que ninguén que o necesite quede sen solicitala”.