O SEIXO CELEBRA AS FESTAS DO SANTIAGO APOSTOL
O Concello de Mugardos e a Sociedade de Amigos da Paisaxe Galega presentan un completo programa de actividades.
A concelleira de Cultura, Begoña Roldós, e a Sociedade de Amigos da Paisaxe Galega (SAPG) presentaron hoxe o programa de actividades das Festas da honra do Santiago Apóstol.
As actividades darán comezo o próximo venres día 22 coa actuación do Grupo América de Vigo desde as 22.00 horas no Parque de Beiramar.
O sábado desde as 13.00 horas poderá desfrutarse da sesión vermú amenizada coa música de María, para dar paso á gran paella na Sociedade de Amigos da Paisaxe Galega, e o domingo ás 22.00 horas será o momento da queimada, tamén con música en vivo.
O día 25, o gran día do Santiago Apóstol, a Rondalla Mugardesa realizará un pasarrúas enchendo as rúas do Seixo da nosa música máis popular. A agrupación iniciará a súa actuación saindo da SAPG para achegarse ata o final do peirao. Á volta, iranse realizando paradas en diversos puntos do percorrido para finalizar cantando na Sociedade de Amigos da Paisaxe Galega.
A última fin de semana do mes de xullo pecharanse as celebracións, o sábado desde as 21.00 horas cunha festa de disfraces para todos os públicos na Sociedade de Amigos da Paisaxe Galega amenizada por Nueva Onda, e o domingo desde as 22.00 horas coa actuación musical de Antonio Barros no Campo do Río, que presentará o seu espectáculo cheo de baladas de recoñecidos artistas.
Roldós destacou “o bo resultado que ten a estreita colaboración entre o Concello e o tecido cultural mugardés. A programación festiva deste final de mes no Seixo pensamos que está á máxima altura e convidamos á veciñanza a achegarse a o Seixo, a desfrutar da súa beleza e destas festas”.