Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O PROGRAMA DIVERXENTES CELEBRA O 6 DE XUÑO A SÚA ÚLTIMA CHARLA ANTES DO VERÁN DEDICADA ÁS ALTAS SENSIBILIDADES

O programa DiverXentes, impulsado pola área de Benestar do Concello de Mugardos, celebrará o próximo 6 de xuño unha nova sesión centrada nas altas sensibilidades, unha temática de crecente interese para familias, profesionais e persoas interesadas en comprender mellor esta realidade.

Esta charla será a última actividade do programa antes da pausa estival, retomándose as sesións a partir do próximo mes de outubro con novos contidos e propostas dirixidas a promover o coñecemento, a inclusión e o respecto á diversidade. A sesión abordará as características das persoas con alta sensibilidade, os retos que poden atopar en distintos ámbitos da súa vida e algunhas ferramentas para favorecer o seu benestar emocional e social.

A concelleira de Benestar, Patricia Ruiz de Azcárate, sinalou que “DiverXentes consolidouse como un espazo de encontro e aprendizaxe ao redor da diversidade. Con esta última charla antes do verán queremos seguir ofrecendo información útil e fomentando unha sociedade máis comprensiva e inclusiva”. Desde o Concello de Mugardos agradécese a participación de todas as persoas que formaron parte do programa durante estes meses e anímase á cidadanía para seguir participando nas actividades que se retomarán o próximo outono.

Back to top