O PROGRAMA ‘COIDADOS PORTA A PORTA’ VOLVE A MUGARDOS
Volverán ofrecerse consultas gratuitas de prevención da xordeira, podoloxía e prevención do alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas, preferentemente con cita previa
A concelleira de Benestar Social, Ana Varela, informou hoxe da volta ao Concello de Mugardos a finais deste mes de novembro do programa “Coidados Porta a Porta” da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.
Así, do 28 ao 30 de novembro e o 1 de decembro estarán dispoñibles os servizos de prevención da xordeira, podoloxía e prevención do alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas de xeito totalmente gratuíto para os maiores de 55 que soliciten a súa cita previa, chamando aos teléfonos 622 748 283 ou 623 546 992, ou a través do correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.
O servizo de podoloxía consiste nunha consulta básica na que se realiza unha valoración do estado xeral do pé, un corte e limpeza de unllas, eliminación de durezas, callos e helomas, para a prevención, diagnóstico e tratamento das principais patoloxías dos pés.
Realízase tamén unha valoración e exploración funcional da audición co obxecto de previr a perda auditiva. O deterioro auditivo pode afectar á integración e limitar a socialización das persoas.
En canto ao servizo de prevención do alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas, consiste na realización de probas de valoración cognitiva, exercicios e fichas de estimulación cognitiva, actividades de estimulación funcional e envellecemento activo, prevención da soidade non desexada e promoción da autonomía persoal.
A concelleira lembrou que as unidades móbiles dispoñen de acceso para persoas con mobilidade reducida (conta con plataforma elevadora) e animou á veciñanza a participar nunha iniciativa que, na súa anterior presenza en Mugardos no mes de maio foi un enorme éxito, motivo polo que nesta ocasión aumentouse a presenza da unidade móbil ata os catro días.