O NADAL CHEGA A CALDOVAL
A Concellería de Cultura informa da programación de Nadal no Centro de Interpretación do Caldoval que estes días amplía o seu horario de apertura e organiza actividades para desfrutar en familia.
O centro de Interpretación estará aberto o 29 e 30 de decembro de 2020, así como o 5 de xaneiro de 2021 e só pechará nos principais días destas festas, como son o 31 de decembro, 1 e 6 de xaneiro.
Coa intención de celebrar estas datas, desde o Caldoval proponse un obradoiro especial baseado na fabricación de figuras de Nadal, aproveitando a festividade romana das “Saturnalia”, adicada ao deus Saturno. Esta festa, unha das máis populares en Roma, celebrouse desde os tempos de César entre o 17 e o 23 de decembro, coincidindo coa fin da sementeira e dos traballos agrícolas. O último día das “Saturnalia” remataba coas “Sigillaria”. Nesa data o costume era regalar pequenas figuriñas de cera ou de cerámica a familiares, amigos íntimos e aos nenos e nenas. Ata existían pequenos comercios onde se podían mercar estes agasallos. É moi probable que a tradición dos presentes de Nadal teña aquí a súa orixe e fose adaptada posteriormente polo cristianismo.
Este obradoiro estará dirixido a toda a familia e os asistentes poderán fabricar a súa propia figura para agasallar aos seus amigos e parentes no día de Nadal, ou para colocala no nacemento.
A actividade terá lugar no centro de interpretación o sábado 19 e o domingo 20 de decembro ás 17.30 horas. Este ano por mor da situación sanitaria as prazas son especialmente reducidas, polo que será preciso facer inscrición previa. Todos aqueles que queiran participar poderán apuntarse no teléfono 687 072 116 (en horario de apertura do centro) ou a través do correo electrónico info@museocaldoval.gal.