O GRUPO DE EMERXENCIAS SUPRAMUNICIPAL (GES) REALIZOU EN 2021 MÁIS DE 550 ACTUACIÓNS
Máis dun terzo das intervencións estiveron relacionadas co tráfico e as estradas
Mugardos, 22 de febreiro de 2022. Miguel Mahía, concelleiro delegado dos GES, realizou hoxe o balance de actuacións realizadas en 2021 polo Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), que chegou ata as 550 intervencións. Ao longo do pasado ano os membros do GES realizaron ata 150 saídas por incidencias nas estradas, 52 delas debido a árbores caídas e 41 para a limpeza das vías.
En 2021 atendéronse 42 accidentes, dos que 39 foron accidentes de tráfico (33 deles con feridos, 2 dos cales requeriron da utilización do material de excarcelación).
A extinción de lumes supuxo ata 65 saídas da base do retén dos GES, sendo incidencias de diversa natureza, xa que as actuacións están repartidas entre fogos urbáns, industriais, forestáis, en vehículos, cadros eléctricos, etc. Así mesmo, e dado o carácter colaborativo do servizo, realizáronse ata 67 actuacións de colaboración con outros concellos, e outras 40 en prácticas e simulacros de todo tipo.
Outro dos principais piares de actuación da equipa de emerxencias estivo relacionada cos animais, chegando case ás 120 intervencións entre retiradas de niños de velutina, e a atención a animais abandoados, feridos ou falecidos.
O Concelleiro Miguel Mahía realizou unha valoración moi positiva do traballo realizado polo Grupo de Emerxencias Supramunicipais ao longo do ano 2021 “Foi un ano moi duro en todos os sentidos, obviamente marcado pola pandemia, e desde os GES traballouse moito tanto en tarefas de prevención como de atención”.
Mahía confirmou que o goberno municipal mantén intacto o seu compromiso co servizo de emerxencias supramunicipal, e lembrou que tanto desde a súa concellería como desde a Concellería de Obras, Servizos e Medio Ambiente tráballase sempre pola mellora na dotación de medios e formación.
O GES de Mugardos comezou a súa andaina como grupo de emerxencias profesional en agosto do 2013. Desde a súa posta en marcha, a súa actividade no campo das emerxencias é especialmente destacada na prevención e extinción de lumes e na atención de accidentes.