O GOBERNO SACA A LICITACIÓN O NOVO SERVIZO DE COMEDOR ESCOLAR MUNICIPAL
A Concellería de Ensino informou hoxe da apertura do procedemento de licitación para a concesión do servizo de comedor escolar a unha nova empresa, o que permitirá aumentar o número de nenas e nenos usuarios do servizo.
Esta licitación dará lugar á contratación dunha empresa tanto no comedor do CEIP Unión Mugardesa como no Santiago Apóstol de Franza durante 2 anos por importe de 233.620,32 euros, ampliables a outros dous exercicios.
Logo da posta en marcha deste procedemento por parte do goberno municipal, implementarase unha mellora substancial no servizo de comedor municipal, tanto pola ampliación do número de usuarios, coma polo aumento do número de monitores e da calidade do menú que, aínda que experimentará unha suba do prezo, esta será asumida pola administración e non repercutida ás familias.
Desde a Concellería de Ensino comunicaron tamén de que seguen a traballar no comedor escolar para poder dar acceso ao servizo a máis nenos e nenas e facelo coas máximas medidas de seguridade posibles, e nas próximas datas procederase á colocación das mamparas en cada un dos postos, así como a instalación das mosquiteiras nas ventás que permitirán unha mellor ventilación dos espazos.