O GOBERNO MUNICIPAL SEGUE A TRABALLAR EN NOVAS MELLORAS NOS COMEDORES ESCOLARES MUNICIPAIS
O concelleiro delegado de Facenda Miguel Mahía informou da aprobación na comisión informativa da adquisición de 82 paneis protectores para a súa instalación nos comedores escolares de Unión Mugardesa e Santiago Apóstol de Franza, que agora está pendente da aprobación da modificación orzamentaria no pleno para a súa adquisición.
A adquisición deste material suporía unha inversión de 8.000 euros que realizaríase con cargo ás arcas municipais, e que ao mellorar as condicións dos comedores segundo a normativa sanitaria vixente na actualidade en virtude da situación epidemiolóxica do concello e da área sanitaria, permitiría a ampliación do número de nenos e nenas que asistirían aos comedores escolares.
Así mesmo, desde a concellería de Ensino informase da adquisición por parte do Concello de 4 mosquiteiras, dúas para cada un dos comedores, e que serán instaladas polos traballadores municipais nas ventás dos espazos do comedor. Este material instálase en cumprimento da normativa da Xunta de Galicia de ventilación, e tamén co obxectivo de mellorar as condicións de prevención de contaxios, xa que a instalación das mosquiteiras permitirá manter abertas as ventás coa máxima seguridade.
Miguel Mahía quixo destacar o compromiso de todo o goberno municipal cos comedores escolares “Comprometímonos a seguir realizando melloras para poder ampliar o número de usuarios e usuarias para este curso nos comedores, e desde a Concellería de Facenda buscarase a viabilidade financieira das inversións necesarias e que estean dentro das nosas posibilidades para cumprir ese obxectivo”.