Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O GOBERNO MUNICIPAL REINICIA A RECADACIÓN DAS ACTUACIÓNS DO GES ÁS ASEGURADORAS

A Concellería de Persoal e Facenda mugardesa, dirixida por Miguel Mahía, anunciou hoxe   que deu orde ao departamento económico para que se reinicie de xeito inmediato a recadación da coñecida como taxa do GES, suspendida desde hai máis de 3 anos e que permitirá recadar durante este exercicio aproximadamente 40.000 euros.

As pagadoras desta taxa son as aseguradoras, obrigadas por contrato a facer fronte a este pago sempre e cando o concello o reclame a través do correspondente recibo. É o concello a entidade que presta o servizo de emerxencias a través do Grupo de Emerxencias Supramunicipal cando actúa en incendios, accidentes, etc. e é a Administración Local a que leva desde 2017 sen reclamar as cantidades ás aseguradoras.

O cobro desta taxa goza de total seguridade xurídica e conta con informes favorables dos departamentos municipais de intervención e secretaría polo que Miguel Mahia di non entender “o motivo polo que se lles perdoou ás aseguradoras facer fronte a estes pagos”.

O seguinte paso segundo informa o concelleiro será “a reformulación da taxa para a actualización dos importes e dos conceptos para que se adapten ao traballo real que desenvolve o equipo de emerxencias”.

Mahía quixo deixar claro o compromiso do goberno municipal coa continuidade do Grupo de Emerxencias Supramunicipal “Destinaremos o importe íntegro da recadación da taxa ao propio GES, e a través dos orzamentos municipais aseguraremos a súa continuidade. É un servizo prioritario para nós, un servizo básico para a veciñanza e unha aposta clara polo emprego público e as condicións dignas de traballo. Hai moito que facer, e este goberno comprométese a facelo”.

Back to top