Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O GOBERNO MUNICIPAL AVANZA NA NEGOCIACIÓN PARA A NOVA OFERTA PÚBLICA DE EMPREGO MUNICIPAL

O concelleiro delegado de Persoal Miguel Mahía informou dunha nova reunión co comité de empresa do concello, para a negociación da oferta de emprego municipal 2020 e a nova relación de postos de traballo do persoal municipal.

A aprobación da oferta pública de emprego do concello está á espera de ser informada polo novo secretario municipal, logo da recente xubilación do anterior habilitado nacional, e segundo a tasa de reposición vixente permitirá a incorporación dun novo membro á plantilla como traballador/a de obras. En calquera caso, o concelleiro confirmou que a súa convocatoria será antes de finalizar o ano.

En canto á relación de postos de traballo (RPT), neste último encontro o goberno municipal presentou aos representantes dos traballadores un primeiro borrador que recolle xa algunhas das propostas trasladadas en anteriores encontros o que os traballadores alí presentes agradeceron pola mostra de interese por parte do equipo de goberno de desenvolver esta negociación desde o diálogo e non desde a confrontación.

O borrador presentado recolle xa o posto de tesourero/a habilitado nacional (esixido por lei), a creación dunha praza de técnico/a de servizos de xestión medioambienteal, coordinación do GES e prevención de riscos laborais, e novo persoal de reforzo para o departamento de secretaría e intervención.

A partir da presentación do borrador, os presentes no encontro fixaron como data límite para a presentación de propostas o 31 de outubro co obxectivo de constituir a mesa de negociación para a aprobación dos documentos antes de finalizar o ano.

O concelleiro de Persoal agradeceu aos representantes dos traballadores as achegas realizadas, e sinalou “a boa sintonía” existente entre goberno e traballadores, que a xuízo de Miguel Mahía “está dando bos froitos en canto ao funcionamento do concello” e que xa se están a notar polos veciños e veciñas do Mugardos.

Back to top