O CONCERTO DA FESTA DO POLBO, POR PRIMEIRA VEZ NAS CASAS BARATAS
Na zona instalaranse xogos e atraccións, así como postos de comida e bebida
Mugardos, 8 de xullo de 2022. A concelleira de Cultura e Turismo, Begoña Roldós, informou hoxe dos detalles do traslado do concerto da Festa do Polbo, que por primera vez celebrarase na zona das Casas Baratas.
A actuación de este ano, que dará comezo ás 22.30 horas e correrá a cargo da Orquestra “La banda de ayer”trasládase a nunha das parcelas baleiras da rúa Catroventos. Na contorna, o goberno municipal autorizou a instalación de máis de 10 barracas entre as que se atopan varias atraccións para os máis novos e postos de comida e bebida.
Roldós quixo deterse na decisión do gobierno municipal de optar por esta nova ubicación, xa que tradicionalmente para este concerto os grupos instalaban o seu escenario na zona da rotonda do peirao. “O principal motivo do traslado foi a seguridade, xa que tanto desde os corpos de emerxencias como desde a propia Policía Local trasladáronnos as enormes dificultades de, por exemplo, realizar unha evacuación urxente en ambulancia tendo que atravesar o xentío da zona do concerto”.
Unha vez decidido o traslado do escenario, Roldós confirmou que se barallaron distintas ubicacións. “Mugardos é un núcleo urbán moi compacto e non dispón de moitos espazos para este tipo de actuacións o día da festa, xa que na carpa do Cantón de Cora non é posible, e menos pechando a última quenda ás 22.00 horas, polo que preto do peirao e con suficiente espazo so podiamos elixir as Casas Baratas”. Neste punto, Roldós quixo aclarar tamén que as barracas que estarán o día da Festa do Polbo nas Casas Baratas trasladaranse á zona do peirao durante a próxima semana, con motivo da festividade do Carmen.
Así pois, a planificación prevista desde a Concellería de Cultura é que se celebre o concerto do día da Festa do Polbo na zona das Casas Baratas, e o resto das actuacións previstas durante a próxima semana, terán a súa ubicación habitual na carpa do Cantón de Cora.
Para finalizar, a concelleira confirmou que “temos moi claro que queremos recuperar a Festa do Polbo á mugardesa como evento gastronómico familiar e tradicional, e a maioría das novidades incorporadas van nese sentido. Recuperar o espazos para pasear, incorporar actividades para os máis novos, a limitación dos aforos e a fixación de quendas na carpa, reservar un espazo de aparcamento para residentes e traballadores da hostalaría, trasladar o palco da orquestra, a elección dun pregoeiro para a festa, e algunha sorpresa máis que mañá quedará desvelada. Esperamos que os cambios sexan para ben, que a xente desfrute e a festa sexa un éxito”.