O CONCELLO SOLICITA UNHA SUBVENCIÓN DE AGADER PARA A RECUPERACIÓN DO CAMIÑO DO VILAR
O Concello de Mugardos solicitou unha subvención á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) dentro da liña destinada á mellora de camiños rurais, co obxectivo de executar as obras de recuperación e mellora do camiño de Aldea Vilar, unha vía municipal que conecta este núcleo coa estrada AC-123 e facilita a comunicación con Seselle e co termo municipal de Ares.
O ámbito de actuación do proxecto comprende un tramo do citado camiño que actualmente presenta unha importante deterioración estrutural e unha degradación progresiva da súa superficie de rodadura. O firme atópase nun estado de conservación deficiente, coa presenza de gretas e afundimentos de distinta magnitude que afectan tanto á seguridade viaria como ao confort e á funcionalidade da vía para o tráfico rodado e o tránsito peonil.
A esta situación súmase a colmatación de marxes e cunetas, así como a obsolescencia da sinalización existente, circunstancias que contribúen á perda de prestacións do pavimento e reducen a súa durabilidade fronte ás cargas de tráfico e as condicións meteorolóxicas.
O proxecto presentado contempla as actuacións necesarias para mellorar a capa de rodadura e renovar a sinalización do tramo, incluíndo traballos previos de limpeza, regularización do firme e adecuación de accesos, co obxectivo de garantir a seguridade e o correcto uso da vía. O orzamento base de licitación da actuación ascende a 33.901,44 € (IVE engadido).
O concelleiro delegado de Obras, Servizos, Medio e TICs, Jorge Manuel Kuntz, sinalou que “esta actuación permitirá mellorar de forma significativa o estado dun camiño que é fundamental para a comunicación do núcleo do Vilar e para o acceso a distintas vivendas, garantindo unhas condicións adecuadas de seguridade e circulación”.
Así mesmo, destacou que “a solicitude desta subvención responde o compromiso do Concello de Mugardos de continuar mellorando as infraestruturas viarias municipais e de aproveitar todas as liñas de financiamento dispoñibles para seguir avanzando na mellora dos servizos públicos” engadiu Kuntz.