Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO SOLICITA UN ENCONTRO CON FENOSA PARA EVITAR OS CORTES DE LUZ EN SAN XOÁN

O concelleiro de Servizos Jorge Kuntz informou hoxe da solicitude efectuada en Fenosa polo alcalde Juan Domingo de Deus para manter un encontro urxente co delegado de Fenosa na zona co obxectivo de abordar posibles solucións ás caídas no servizo que se están a producir, en especial na parroquia de San Xoán.

Segundo explicou Kuntz, os técnicos municipais sinalan que o problema está na subestación de Vilar do Colo que presta servizo á parroquia de San Xoán e que necesitaría ampliar a súa capacidade para poder prestar servizo nos días de maior demanda. “Todos os anos por estas datas e no verán aparecen estes problemas en San Xoán, e Fenosa debe abordar unha solución definitiva, a veciñanza non pode estar todos os anos con cortes no Nadal e nas datas de maior consumo eléctrico”.

En canto ás avarías no alumeado público que se teñen dado estes días en distintos puntos do concello, desde a Concellería informan que se está a traballar arreo “Estamos renovando cableado, cambiando os cadros eléctricos, mellorando a eficiencia para rebaixar o consumo, pero a instalación é moi deficiente. Lamentamos enormemente as molestias, e entendemos as queixas, pero resulta imposible solucionar lustros sen mantemento na instalación en poucos meses. Obviamente o mal tempo dá lugar tamén a que afloren moitas máis avarías, xa que se trata de instalacións moi envellecidas, ás que durante moito tempo só puxéronselle parches e agora ven as consecuencias da falta de interese durante todos eses anos dos responsables”.

O concelleiro expuxo cun exemplo a situación que se está a vivir co alumeado “Coa última tormenta averiáronse 217 farolas e 4 fases de luz completas. No momento de ir a arranxar o problema, descubrimos que a maioría dos puntos de luz carecían dos máis básicos sistemas de seguridade para evitar avarías por sobretensión. Estamos a falar de días completos de traballo da empresa que tiveron que adicar a solucionar avarías totalmente evitables se as farolas tiveran un simple fusible que as protexera. É un exemplo da falta de interese e o total deixamento no mantemento do sistema de alumeado público que hoxe estamos a padecer”.

Kuntz confirmou que neste mes sairá a licitación o contrato de mantemento do alumeado público e que neste prego incluirase a substitución de cadros eléctricos en toda a instalación e a actualización da instalación en xeral “Esperamos que con esta medida, acaben dunha vez as caídas no alumeado público, xa que está a ser unha queixa constante da veciñanza. Lamentablemente na actualidade invertimos máis tempo no arranxo de avarías que na mellora do sistema, e esa non é a forma de traballar desexable. Urxe minimizar as avarías para poder centrarnos nas melloras. Este ano faremos o traballo de prevención que o sistema necesita e dentro de 12 meses estaremos a falar dun sistema renovado e cun mínimo de avarías”.

Así mesmo, Jorge Kuntz afirmou que está previsto tamén ao longo deste ano dotar de novos puntos de luz a zonas concretas do municipio que neste momento carecen de alumeado “Estamos á espera de concretar o orzamento e centraremos xa o traballo na financiación e no proxecto”.

Back to top