O CONCELLO SOLICITA SUBVENCIÓNS DO PLAN CORRESPONSABLES PARA A PREVENCIÓN DA VIOLENCIA
O Concello de Mugardos, a través da Concellería de Benestar, solicitou varias subvencións no marco do Plan Corresponsables e dos programas de prevención da violencia, co obxectivo de seguir avanzando en políticas de igualdade, conciliación e benestar social.
En concreto, o Concello presentou unha solicitude de axuda para o desenvolvemento dun servizo de coidados profesionalizados, dirixido a facilitar a conciliación das familias con menores de 16 anos. Este servizo contará con garantías de dereitos laborais para o persoal, promovendo un modelo de atención de calidade e estable.
Así mesmo, solicitouse unha subvención para a posta en marcha dun proxecto de formación e sensibilización orientado a impulsar modelos de masculinidades igualitarias e corresponsables, fomentando unha convivencia baseada no respecto, a igualdade e a prevención da violencia.
A concelleira de Benestar, Patricia Ruiz de Azcárate, destacou a importancia destas iniciativas para o municipio. “Dende o Concello seguimos traballando para ofrecer ás familias recursos que faciliten a conciliación e promovan a igualdade real. Estes proxectos permítennos avanzar en benestar social, en prevención e na construción dunha sociedade máis xusta e corresponsable”.
Desde o Concello sublíñase que estas actuacións enmárcanse na estratexia municipal de apoio ás familias, promoción da igualdade e reforzo dos servizos sociais, contribuíndo a mellorar a calidade de vida da cidadanía de Mugardos.