Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO SOLICITA O REFORZO DA SINALIZACIÓN VIARIA EN O PETEIRO TRAS A DENEGACIÓN DE BANDAS REDUTORAS

O Concello de Mugardos solicitou á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) o reforzo da sinalización e do pintado da estrada na zona de O Peteiro, especialmente nos pasos de peóns, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria.

Esta petición realízase despois de que a AXI comunicase ao Concello a denegación da instalación de bandas redutoras de velocidade, ao non permitilo a normativa vixente para este tipo de vía, a pesar da solicitude previa trasladada polo Concello atendendo ás demandas veciñais.

Ante esta situación, o Concello propuxo como medida alternativa o reforzo da sinalización horizontal e vertical, poñendo o acento na mellora da visibilidade dos pasos de peóns e dos elementos destinados a advertir aos condutores.

O concelleiro delegado de Obras, Servizos, Medio e TICs, Jorge Manuel Kuntz Peiteado, explicou que “aínda que a normativa non permite a colocación de bandas redutoras neste tramo, desde o Concello seguimos insistindo na necesidade de adoptar medidas que contribúan a mellorar a seguridade viaria”.

Así mesmo, Kuntz Peiteado sinalou que “o reforzo do pintado e da sinalización é unha actuación viable que pode axudar a aumentar a visibilidade e a concienciar aos condutores, reducindo así situacións de risco”.

O Concello de Mugardos mantén o seu compromiso de colaborar coas administracións competentes para impulsar actuacións que melloren a seguridade nas vías do municipio e dar resposta ás preocupacións da cidadanía.

Back to top